Unha nova morte en Ourense deixa en 721 os falecidos por COVID en Galicia e aparecen 221 novos contaxios

Segundo a información proporcionada pola Consellería de Sanidade, en Galicia hai este martes 4.350 casos activos de coronavirus, 46 máis que a xornada anterior.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/09/2020 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou nas últimas 24 horas un novo repunte nos casos de coronavirus detectados, con 221 positivos, co que a cifra de casos activos volveu a crecer, ata os 4.350. Ademais, rexistrouse un novo falecemento, o dun octoxenario en Ourense, co que os mortos vinculados á COVID-19 na comunidade sitúanse en 721.

En concreto, segundo a información proporcionada pola Consellería de Sanidade, en Galicia hai este martes 4.350 casos activos de coronavirus, 46 máis que a xornada anterior, e déronse 17.167 altas, 172 máis que hai 24 horas.

En canto aos falecidos con COVID-19, desde o último parte notificáronse tres, o último deles un home de 82 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e presentaba patoloxías previas. A última hora do luns notificouse tamén a morte de dous homes de 88 anos, un en seguimento domiciliario na área da Coruña e outro ingresado no Clínico de Santiago.

Con iso, a cifra de falecidos vinculados á pandemia desde o seu inicio en Galicia ascende a 721 e, desde o comezo da 'nova normalidade', son xa un centenar. A primeira morte deste período foi a dunha muller o 7 de agosto.

Antes diso, a Comunidade encadeara case dous meses --desde o 10 de xuño-- sen decesos relacionados co coronavirus. O pasado mércores, ademais, Galicia superaba a barreira dos 700 falecidos.

BAIXAN A CORUÑA E LUGO, SOBEN PONTEVEDRA E VIGO

En canto ás áreas sanitarias, a da Coruña volve rexistrar un importante descenso na cifra de casos activos, 34 menos, ata os 1.114. Tamén descenden os de Lugo, neste caso dous menos, ata os 687.

O resto de áreas sanitarias experimenta este martes un incremento na súa cifra de casos activos. Este incremento é especialmente significativo en Pontevedra, que rexistra 35 casos máis, ata os 702, e en Vigo, con 32 máis, ata os 489. A área sanitaria de Santiago-A Barbanza incrementa dous casos activos, ata 627 e a de Ferrol sobe tres, ata os 180.

A cifra de PCR realizadas desde o inicio da pandemia en Galicia é de 434.864, o que supón 3.783 probas nas últimas 24 horas.

Dúas sanitarias preparan probas PCR en Monforte de Lemos (Lugo).. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Dúas sanitarias preparan probas PCR en Monforte de Lemos (Lugo).. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta