Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 23/09/2020 | Actualizada ás 12:32
A Consellería de Medio Rural di que foi imposible actuar sobre os ríos e zonas queimadas na vaga de incendios de Ourense porque moitos deles "acaban de darse por extinguidos", pero asegura que comezará a planificar as medidas "de inmediato".
A asociación Amigas dás Árbores advirtiu da "grave" situación que rexistran amplas zonas de montaña da provincia de Ourense despois dos incendios forestais, tal e como informou este martes Galicia Confidencial, posto que as choivas provocan erosión do chan e arrastre de cinzas ás canles fluviais. De feito, o Arnoia "é de da cor do chocolate" estes días polas cinsas arrastradas ao río.
"O máis grave, pola superficie calcinada, polas pendentes, pola inestabilidade do chan e por ser cabeceiras de cursos fluviais son o Macizo Central, o parque natural do Xurés, a parte alta da Mezquita e zonas de Cualedro", explica o portavoz desta asociación, Xosé Santos.
"A Xunta sempre adopta medidas para recuperar o potencial forestal das zonas afectadas polos incendios. Faino de forma sistemática e especialmente tras un episodio como o que acabamos de vivir de maneira particular na provincia de Ourense", inciden a Europa Press fontes consultadas de Medio Rural. Segundo apuntan, "trátase de facer fronte, o máis axiña posible, ás perdas de chan, aos danos en infraestruturas e á afectación a valores ambientais".
Así, a consellería afirma que afrontará "unha vez máis" a consolidación de chans e recuperación de zonas queimadas seguindo as directrices dos técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. No caso de Ourense, lembra que é necesario "facer primeiro de nada unha avaliación pormenorizada dos danos rexistrados e localizar as zonas máis sensibles".
"Hai que ter en conta que non é preciso actuar absolutamente en todas as áreas afectadas, xa que por circunstancias como o relevo do terreo ou o tipo de vexetación o risco erosivo non é igual en todas elas", apunta Medio Rural. Así as cousas, asegura que "neste momento xa se están estudando e avaliando os danos polos técnicos e comezarase de inmediato cunha adecuada planificación para adoptar as medidas necesarias".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.