O PP pide transformar o Centro Tecnolóxico da Carne, cuxo xerente está sendo investigado

O PSdeG tentou introducir unha emenda para que se investigase dita institución, tras a intervención xudicial deste martes

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/09/2020 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

Os votos a favor do PP, grupo maioritario no Parlamento galego, bastaron para sacar adiante unha iniciativa que pide unha transformación da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, a institución cuxo xerente, Miguel Fernández, prestou declaración este martes por mor dunha investigación xudicial sobre a xestión do organismo que arrincou en 2017.

Rexistro da Policía no Centro Tecnolóxico da Carne
Rexistro da Policía no Centro Tecnolóxico da Carne | Fonte: CRTVG.

En concreto, coa iniciativa dos populares, que contou co rexeitamento da oposición, o Parlamento insta á Xunta a crear unha "fundación de investigación agraria aplicada sostida na base da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne e nos centros de investigación da Consellería de Medio Rural". Así mesmo, pide o desenvolvemento dun plan estratéxico para esa nova fundación.

O texto da proposición non de lei, que defendeu o deputado Daniel Veiga na comisión de agricultura, xustifica esta petición en que era un dos puntos que incorporaba o Partido Popular no seu último programa electoral.

O seu debate e aprobación prodúcese, precisamente, a semana en que este centro, dependente da Consellería de Medio Rural, foi obxecto de novos movementos xudiciais, coa toma de declaración do seu xerente e varias persoas máis, para "completar" a instrución das dilixencias previas do caso que se investiga desde 2017.

Ese ano producíronse rexistros no centro para investigar un suposto delito contra a facenda pública por unha fraude nas subvencións deste organismo. Entón, os axentes policiais entraron no Centro Tecnolóxico da Carne para solicitar información e documentos ante a existencia de indicios de fraude en subvencións.

EN CONTRA DE "CHIRINGUITOS"

Estas circunstancias foron postas sobre a mesa polos portavoces de BNG e PSdeG, Xosé Luís Rivas 'Mini' e Martín Seco, respectivamente. O nacionalista, primeiro, xa preguntou de feito sobre a situación do centro ao responsable da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luís Cabarcos, nunha pregunta previa.

Tanto 'Mini' como o socialista rexeitaron a creación de "máis chiringuitos" e este último, en concreto, vinculouno co líder dos populares ourensáns, Manuel Baltar, e tratou de introducir unha emenda para que o que se aprobase "investigar" o Centro Tecnolóxico da Carne antes de crear unha nova fundación.

"Xustiza, corrupción... non é nada do rural", limitouse a responder na réplica o parlamentario do PPdeG Daniel Veiga, quen tamén reivindicou os orzamentos que a Xunta destina en materia de investigación no mundo rural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta