Feijóo, que criticaba ao Goberno central por non actuar na desescalada, denuncia que interveña a Comunidade de Madrid

Advirte do "custo reputacional" da "contenda" para o Executivo de Sánchez e apela: "Fagamos un debate epidemiolóxico, non ideolóxico".

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 29/09/2020 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, censurou este martes o "espectáculo de enfrontamento" que, ao seu modo de ver, está a protagonizar coa Comunidade de Madrid, o Goberno que dirixe Pedro Sánchez. Ao seu modo de ver, é "algo inaudito" e que está a ter "custo reputacional" non só para as autoridades madrileñas senón tamén para o Executivo central. Unhas críticas que chegan cando o presidente galego foi un dos máis críticos con Sánchez por non actuar na desescalada ante os numerosos gromos e dificultades aparecidas en certas autonomías.

En declaracións aos medios nun acto en Santiago, Feijóo asegurou que entende perfectamente "as dificultades" que pasan as autoridades sanitarias das distintas comunidades, con especial intensidade as que teñen as cidades "máis poboadas". "E Madrid é, sen dúbida, a gran cidade de España", remarcou.

Así, defendeu que a xestión dunha pandemia "non é fácil nunca" e é "moi difícil, especialmente complexa" nunha cidade con aeroporto internacional e puntos de encontro nos ámbitos viario e ferroviario. Non en balde, argumentou que "a Madrid chegan e de Madrid saen todos os días miles de persoas". Por iso, reafirmouse en que "controlar unha pandemia nestas circunstancias é moi difícil".

"A credibilidade e a reputación de España é unha responsabilidade compartida, pero o Goberno ten que ser consciente de que o custo reputacional que está a ter para España este enfrontamento coas autoridades sanitarias da Comunidade de Madrid afecta directamente o Goberno central, non só á Comunidade de Madrid", avisou.

DEBATE "EPIDEMIOLÓXICO" E NON "IDEOLÓXICO"

Nesta conxuntura, o presidente galego apelou a "sosegar" o debate. "Fagamos un debate epidemiolóxico e non ideolóxico, un debate deixando aos comités clínicos que tomen decisións, e non utilicemos unha pandemia na Comunidade e na cidade de Madrid como unha contenda entre un Goberno central e un Goberno autonómico", pediu.

Feijóo en rolda de prensa. Foto de arquivo.. XUNTA - Arquivo
Feijóo en rolda de prensa. Foto de arquivo.. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta