Proxecto Xeoparque Ortegal: Así era Galicia cando estaba a 70 quilómetros de profundidade no mar

A zona de Ortegal reúne características xeolóxicas únicas en toda a Península. Isto moveu a un grupo de persoas e concellos da zona para buscar unha nova vía de desenvolvemento sustentable. As antigas minas, as canteiras e sobre todo, as rochas magmáticas máis antigas de Galicia de cando aínda era magma saíndo do fondo do mar.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 29/09/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O martes 29 de setembro a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal presentará o seu proxecto de xeoparque á  Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO. Mediante vídeo conferencia mostarase o resultado dos traballos de investigación que se recompilaron nunha memoria este 2020. A presentación do día 29 é o segundo paso despois de ter presentada unha carta de presentación avalada pola Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, isto o pasado mes de maio. A declaración como xeoparque dentro dunha rede mundial é vista como unha oportunidade única para darlle un impulso á comarca en base ao desenvolvemento sostible.

Visita de expertos á área para o xeoparque
Visita de expertos á área para o xeoparque | Fonte: Fran Canosa

ELEMENTOS XEOLÓXICOS DIFERENCIADORES

O xeólogo Fran Canosa é un dos membros da Asociación que promove a candidatura a xeoparque a zona de Ortegal. “A candidatura parte dos elementos que fan único este lugar, como é o feito de que teñan aflorado á superficie rochas que normalmente están a máis de 70 quilómetros de profundidade”. Fran Canosa describe isto como un fenómeno único “porque é coma unha viaxe ao interior da Terra, cando chocaron dous continentes hai 350 millóns de anos o que creou unha serra de montañas” que, segundo a descrición que aparece na web do proxecto, “tiñan unha altura superior ao Himalaia”.

“Temos praias de area negra que non é de orixe volcánica e uns relevos ultrabásicos” di Efi Penabad, bióloga tamén participante no proxecto. “Realmente este é un dos puntos máis completos do continente europeo” di Canosa. “Isto fixo que houbese explotacións tanto de canteiras como mineiras” debido á singularidade das formacións rochosas desta área.

As explotacións mineiras xa abriran no século XIX para extracción de cobre. “Tamén se fixeron exploracións na procura de cromo e platino” apunta Canosa. Mais un dos elementos con presenza de seu dentro do conxunto xeolóxico é a pedra de Toelo, unha parroquia de Moeche. Esta pedra foi moi usada como pedra ornamental. “Agora xa non se extrae porque hai menos pedra, a maioría das canteiras eran familiares” di Beatriz Bascoy, alcaldesa de Moeche.

Cabo Ortegal
Cabo Ortegal

ECOSISTEMA

En total son sete os concellos que se integran neste proxecto, Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. Xunto a eles, reciben apoio da Mancomunidade de Concellos de Ferrol e Deputación da Coruña. En total algo máis de 600 km cadrados e 28.300 habitantes.

Dentro desta superficie hai zonas ZEPA para a proteción de aves como Punta Candieira, en Ortigueira. Moitas destas aves pasan por esta área nas súas rutas migratorias. “Temos os mascatos, as pardelas árticas ou os mazaricos” di Efi Penabad. Xunto ás ZEPA están zonas de protección para zonas húmidas baixo a denominación Ramsar para a súa protección internacional. Dentro temos as zonas húmidas da ría de Ortigueira.

“Tamén se teñen visto especies mariñas que se están achegando á costa como son as baleas e outras especies migrantes” di Penabad. Con todo, parte destas especies achéganse “debido ao cambio climático e a súa influencia no hábitat mariño”. En canto fauna animal, Penabad destaca “a presenza de dous tipos de morcego de ferradura, o xabaril, corzo, raposo, londras, xeneta e martas”.

DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

“Estamos convencidos de que se se nos concede esta denominación, seriamos un referente mundial que sería beneficioso para toda a comarca” di Beatriz Bascoy. O proxecto contou con apoios institucionais desde a Deputación da Coruña como da Xunta. O caso é que de para desenvolver unh proxecto así, é necesario un plan director para catro anos. Aí deberá reflectirse todo tipo de actividades e accións de cara a mellorar elementos como sinalización, rutas de sendeirismo e turismo sustentable.

“A base de todo isto é o desenvolvemento sustentable para a zona” di Bascoy. Con isto quérese pór en valor todo o patrimonio que aporta a zona para aproveitamento das persoas que viven na comarca. “Non houbo reticencias por parte da veciñanza, saben que se isto sae para adiante o máis posible é que o turismo rural, a hostalaría en xeral e os produtos agrarios saian beneficiados”.

“Falar de xeoparque é falar dunha marca de calidade, dun activo económico” destaca Fran Canosa. “Cada concello aporta algo diferente a todo o conxunto, desde patrimonio cultural, deportivo ou simplemente as paisaxes” di o xeólogo.

“A creación do xeoparque traerá emprego” sinala Penabad. “Moverá a economía do lugar poñendo en valor todo un conxunto de ecosistemas únicos”. En tal caso, desde a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal son optimistas e confían en que o conxunto xeolóxico único do lugar convenza ao conxunto de expertos da UNESCO. Sería o segundo xeoparque en Galicia, o primeiro está no Courel.

Praia de area negra non volcánica en Teixidelo
Praia de area negra non volcánica en Teixidelo | Fonte: xeoparque ortegal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta