Os casos de Covid-19 en centros educativos galegos soben a 421 e unha escola en Celanova pecha tras un positivo

A cifra de aulas en corentena en Galicia aumenta atá 23.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/10/2020 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

Os casos activos de coronavirus nos centros educativos galegos volven aumentar, en 18, ata o total de 421. Ademais, a incidencia da pandemia de COVID-19 na provincia de Ourense obrigou a pechar a Escola Infantil María Ana de Celanova, tras un positivo.

Aula baleira
Aula baleira | Fonte: EP.

A clausura deste centro provocou que a cifra total de aulas en corentena en toda Galicia aumente en dúas, ata as 23, segundo os datos diarios achegados polas consellerías de Educación e Política Social, actualizados a este venres.

Como área con máis casos continúa a de Ourense, actual foco da pandemia en Galicia. No ámbito escolar, esta provincia conta con 158 positivos activos --15 máis que o venres--, oito aulas en corentena --dúas máis-- e unha escola infantil pechada, a de Celanova.

De feito, este centro convértese no segundo en botar o peche en Galicia debido ao coronavirus desde o inicio de curso. O primeiro foi o Colexio Plurilingüe Calasancio de Pontevedra, que ao comezo de setembro detectara oito positivos entre o seu persoal. No parte deste sábado, contabiliza dous contaxiados.

En canto ao resto de áreas, os contaxiados baixan na Coruña, que contabiliza 74 (-6) e dúas clases pechadas; e a de Lugo, con 27 (-4) casos relacionados con centros e ningunha unidade clausurada. Cabe resaltar que non hai ningunha escola infantil lucense afectada pola pandemia.

Pola contra, os casos activos de COVID-19 na comunidade educativa soben en Ferrol, con 10 positivos (+2) pero ningunha aula pechada; en Santiago, con 58 infectados (+6) e seis (as mesmas) clases en corentena; en Pontevedra, copn 43 casos (+2) e unha unidade clausurada (sen cambios); e en Vigo, con 51 (+3) contaxios e seis aulas pechadas.

Porén, os datos facilitados pola administración non representan unha instantánea precisa sobre o volume de novos contaxios, ao limitarse a trasladar os que permanecen en activo e non concretar as altas nin os positivos que se engaden ao montante respecto ao parte anterior.

NOVOS CENTROS

No parte deste venres, a Xunta informa de 25 novos centros que rexistran un total de 26 casos de coronavirus, ademais da clausura da gardaría de Celanova.

Na área da Coruña, como novas incorporacións á listaxe está o CEIP Ramón Otero Pedrayo, mentres que en Ferrol rexistraron infectados o EPAPU Santa María de Caranza e o CEIP Esteiro.

Así mesmo, na área de Santiago, incorpóranse o CEIP Xesós Golmar de Lalín, o CEIP Ramón de Artaza de Muros, o CEIP Santa Irene de Porto do Son, o CPI de Pontecesures, o CPR Manuel Peleteiro, o IES Arcebispo Xelmírez I da capital galega, o CMUS Profesional de Santiago e o CPI Plurilingüe de Vedra.

En Pontevedra, aparecen como novos centros o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús da capital, mentres que na área de Vigo están o CEIP Plurilingüe Manuel Sieiro de Crecente, o CEIP Plurilingüe Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas, o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán de Tomiño e o CIFP Manuel Antonio da cidade olívica.

Como centros con maior número de positivos de toda Galicia están o CPR Plurilingüe María Auxiliadora (11), o CPR Plurilingüe Santo Anxo (8), o CPR Santa Teresa de Jesús (8), o IES O Ribeiro de Ribadavia (7) e o CPR Plurilingüe Luís Vives (7), todos eles na área de Ourense. Tamén contan cun número importante de casos o IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, que en 24 horas pasou de 2 a 7 casos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta