Narón entra na lista de concellos en alerta máxima por Covid-19, da que sae Marín

O mapa por concellos de Sanidade recolle nove localidades en nivel 3, das que sete están na provincia de Ourense.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/10/2020 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

O concello coruñés de Narón atópase xa entre os nove de toda Galicia que se atopan no nivel máximo, o 3, pola situación da pandemia do coronavirus no últimos sete días. Á súa vez, Marín saíu da lista e pasou ao nivel laranxa, o 2, ao caer a incidencia da COVID-19 no seu territorio.

Mapa publicado pola Consellería de Sanidade coa incidencia da pandemia do coronavirus en cada concello.
Mapa publicado pola Consellería de Sanidade coa incidencia da pandemia do coronavirus en cada concello.

Segundo consta no mapa que fai público a Consellería de Sanidade na páxina web de información do coronavirus, este domingo están en alerta vermella por detectar máis de 21 casos activos na última semana Ames, O Carballiño, O Barco de Valdeorras, Barbadás, O Pereiro de Aguiar, Monterrei, Verín e Narón.

Ademais destes, tamén Ourense está en nivel 3, a única das sete grandes urbes en alerta máxima. Con todo, no caso da cidade das Burgas, ao ser maior de 50.000 habitantes, infórmase de que a súa incidencia é de máis de 120 positivos por 100.000 habitantes en sete días --actualmente ten 533 contaxiados--. E é que, tal e como informou Sanidade, os valores para determinar o nivel de alerta dunha localidade varía segundo o seu tamaño.

Cabe destacar que dos nove concellos en alerta vermella, sete deles --agás os coruñeses de Narón e Ames-- están na área sanitaria ourensá. Precisamente, a capital provincial e Barbadás están confinadas perimetralmente desde o venres.

NIVEL LARANXA

En situación 2, é dicir, en cor laranxa do 'semáforo' do mapa, hai 12 concellos: A Coruña, Arteixo, Culleredo, Santiago, Teo, Lugo, Xinzo de Limia, Ribadavia, Tomiño, Pontevedra, Marín e Vilagarcía. Todos eles, fóra das cidades de Lugo e A Coruña, contabilizaron entre 14 e 21 casos novos de coronavirus nos últimos sete días.

No caso da urbe herculina, o nivel laranxa significa que se rexistraron entre 138 e 276 casos; mentres que en Lugo son entre 56 e 112, igual que en Santiago de Compostela; e en Pontevedra, entre 48 e 96.

Na listaxe do nivel 2 entraron Ribadavia, Tomiño, Pontevedra, Marín e Vilagarcía de Arousa, mentres que saíron Ribeira, que no mapa aparece en verde, con menos de sete casos na última semana; e Narón, neste caso por entrar no nivel 3.

NIVEL AMARELO

Á marxe da cor vermella e laranxa, están en amarelo (nivel 1) 32 concellos. Da provincia da Coruña son 12: Oleiros, Sada, Cambre, Carballo, A Laracha, Muros, Boiro, Ferrol, Betanzos, Carral, A Baña e Porto do Son. De Pontevedra, hai 11: Vilanova de Arousa, Cambados, Moraña, Poio, Cangas, Vigo, Mos, O Porriño, Lalín, Sanxenxo e Redondela. Mentres tanto, en Ourense sitúanse os nove restantes: Allariz, Celanova, Oímbra, Boborás, Coles, A Rúa, San Cibrao das Viñas, Taboadela e Lobeira.

Todos eles contan cunha incidencia de entre sete e 14 positivos na última semana, fóra de Vigo (entre 83 e 166) e Ferrol (de 19 a 38 casos en sete días), por contar con máis de 50.000 habitantes.

Do nivel amarelo saíron Sada, Rianxo, Ponteareas e Paderne de Allariz por mellorar os seus datos e xa non ter risco, xa que se atopan en cor verde. Con todo, empeoraron os casos a sete días a cidade de Pontevedra e Ribadavia, que agora están no nivel laranxa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta