Seis millóns de persoas

Seis millóns de persoas están sen traballo en España. Son máis que a totalidade da poboación de Dinamarca ou Finlandia. Hai dous anos Mariano Rajoy, desde a oposición, bramaba contra Zapatero cando o número de parados chegou aos cinco millóns. Prometeu rematar coa crise, recuperar o emprego e mellorar o benestar. Fixo todo o contrario, mais non da ningunha explicación aos que foron enganados. Permanece agochado, en silencio, mentres aumenta o sufrimento e a incerteza para a inmensa maioría. A sangría continúa: desde a imposición da reforma laboral España perde un emprego por minuto. Nos tres primeiros meses deste ano cada día perdéronse 3.600 postos de traballo.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 29/04/2013

Comparte esta noticia
Moitas familias viven na desesperanza, afogadas pola falta  de ingresos e pola ausencia dun horizonte alentador. Este goberno  impón medidas de restricción (deseñadas e dirixidas polos especuladores financeiros internacionais) que só  serven para producir máis malestar colectivo e afondar nas desigualdades sociais. En ano e medio retrocedemos na historia máis de tres décadas. A perda de dereitos laborais e protección social é tremenda. Os sindicatos solicítanlle a Rajoy unha reunión de emerxencia nacional para abordar o problema. Él non se digna en responder. Pero hai persoas no PP que deixan ben clara a súa posición. A delegada do goberno en Cataluña, María de los Llanos de Luna, afirmou (o mesmo día en que se coñeceron as dramáticas cifras do paro): “Es importante que haya pijos y ricos, que son los que luego gastan y consumen”. 
 
A taxa de desemprego supera o 27% e na mocidade chega ao 57% (máis aló da frustración e o desalentó persoal, un país que non utiliza a enerxía e a formación dos máis novos está cegando o seu futuro).  Este panorama desalentador debería ter unha resposta contundente por parte dos gobernantes. Mais ao día seguinte da publicación destes datos (venres 26 de abril, despois do Consello de Ministros) os responsables económicos  anunciaron que a saída da crise vaise retrasar dous anos máis e que continuará a destrucción de emprego. De Guindos e Montoro prolongan un ano máis a subida do IRPF e anuncian que haberá impostos especiais. Todo vai cada vez peor para a maioría pero o goberno do PP insiste en que ésta é a política correcta. Os que deberían intentar a recuperación económica e protexer aos cidadáns contra o infortunio colectivo fan estas prediccións nefastas sen que se lles borre o sorriso displicente dos beizos. Semella que non lles  interesa mudar de política: mentres o medo e a angustia atenazan á poboación eles continúan coa reducción de dereitos laborais, a diminución dos salarios e a restricción da protección social (tal como reclaman os representantes da patronal).
 
A forma de actuar deste goberno representa un fraude político. O catedrático de Dereito Pérez Royo sinala que “la contradicción entre el programa electoral y la acción de gobierno es practicamente absoluta”. O goberno recurre constantemente ao decreto lei, esquiva o control parlamentario, abusa da súa maioría absoluta e evita o control dos medios de comunicación ao non admitir preguntas nas roldas de prensa. “El ejercicio del poder está siendo un ejercicio fraudulento”, conclúe o citado xurista. 
 
Mais con estas prácticas a xestión económica deste goberno é un absoluto fracaso. O economista Manuel Mera sinala que Rajoy puxo a reducción do déficit público como obxectivo central: pechou o 2012 co 10.6%, o peor da Unión Europea. Pero ademáis as políticas impostas están a provocar unha recesión económica que se está a converter nunha depresión. Por eso, conclúe, “si seguimos con el austericidio solo habrá más sufrimiento, más dolor, se destruirá más tejido productivo pero no habrá ninguna mejoría real en el déficil ni en la deuda pública”. 
 
A facción política que ocupa o poder está a realizar unha actuación fraudulenta. As severas medidas impostas son todo o contrario do anunciado na campaña electoral. Falan de buscar a austeridade, cando o que provocan é un maior empobrecemento dos pobres e a laminación da clase media. En realidade a dereita nunca foi austera: é amante do luxo e ansía dispor de servos e criados.  Norberto Bobbio escribeu que o criterio principal para distinguir a esquerda da dereita “es la diferente actitud que asumen los hombres que viven en sociedad frente al ideal de la igualdad”. Rajoy xa o tiña claro de mozo:  non admite a igualdade básica das persoas e a súa máxima aspiración é “desigualarse”. Así o deixou escrito nun artigo publicado no Faro de Vigo en 1983.
 
Agora pretenden enmascarar a súa actuación mediante xogos de palabras. Se non fose pola dor que provocan coas súas decisións serían desternillantes a maioría das comparecencias ministeriais. Rajoy cuestionou a hipótese do cambio climático baseándose nas opinión dun primo seu. Fátima Báñez pideu a intervención da Virxe do Rocío para saír da crise. Arias Cañete, ministro de Agricultura e Alimentación, aconsella comer os ioguras caducados e recomenda a ducha fría para aforrar. Pero a incompetente ministra de Emprego foi más alá:   cualificou a emigración forzosa da mocidade como “movilidad exterior, porque hay quien busca oportunidades laborales y formativas”. Temos a xeneración máis preparada e culta da historia deste país que se ve na obriga de buscar no estranxeiro o futuro que aquí se lle nega e a principal responsable da situación despacha o tema con esta frivolidade. Resulta preocupante comprobar en que máns está o noso destino colectivo.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.