Temas: CARBALLO TEATRO

FIOT en pausa, éxito na integración das novas tecnoloxías e alta participación

O festival de teatro de Carballo, na súa versión adaptada ás circunstancias deste ano, estivo marcada polo regreso seguro ao teatro cunha aposta clara pola creación galega e a innovación.

Por X.M. Fernández | Carballo | 23/10/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Segundo traslada a organización do evento "centos de persoas puideron gozar con total seguridade, do 9 ao 18 de outubro, das mellores propostas do teatro galego e estatal en Carballo". Así mesmo, lembran que sacar adiante a programación foi posible grazas ao traballo e a paixón polas artes escénicas, destacando que este ano máis que nunca quíxose "apoiar a creación do país así como a integración da cultura dixital e audiovisual coa escena".

Un momento do FIOT en pausa. Foto: Prensa FIOT
Un momento do FIOT en pausa. Foto: Prensa FIOT

FIOT en pausa, organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte en colaboración co Concello de Carballo, sumou unha alta porcentaxe de ocupación dos recintos nos que se celebrou, acadando preto dun 100% de asistencia do público sobre os espazos dispoñibles. Neste senso or organizadores destacan que houbo unha media de idade moi nova. “O traballo que facemos nestes anos de creación de novos públicos a través do Fiotiño ou o FIOTeen vemos que segue a dar os seus froitos. Este ano nas salas asistiu moita xente moza, o que sen dúbida é un bo sinal á hora de garantir a continuidade e futuro do público de teatro en Carballo”, apunta Alberto Sueiro, director do FIOT.

Na edición deste ano, un dos factores que máis se tivo en conta á hora de deseñar a programación deste ano foi a aposta pola creación galega. Por Carballo pasaron grupos consolidados (A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro) ou montaxes de compañías emerxentes (A xente 2.0, de Amorodos Producións) e tamén se presentaron propostas singulares e innovadoras como foi a estrea do FIOT Fónico.

APOSTA POLA INNOVACIÓN

As posibilidades que ofrecen as ferramentas tecnolóxicas á hora de reformular ou innovar desde as iniciativas teatrais foron piares da programación deste FIOT en pausa. Deste xeito, ademais do FIOT Fónico, o programa acolleu a estrea de Live, unha obra na que a actriz protagonista interactuaba vía Instagram co público; ou a representación de dous espectáculos nos que os compoñentes audiovisuais tiñan unha forte presenza, como é o caso de Curva España, de Chévere, ou Prostitución, de Check-in Producciones.

Tamén no IV Certame de MicroEscenas Metro Cadrado (cuxa iniciativa gañadora coñecerase a semana que vén) os elementos audiovisuais ocuparon un espazo relevante, ao igual que os temas vinculados á pandemia e ao confinamento. Precisamente esta temática é o punto de partida da exposición Pandemia. Novos retos, apoiada polo FIOT e que o Pazo da Cultura acolle até o 7 de novembro.

Temas: CARBALLO TEATRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta