O catedrático Carlos Villanueva doa os 6.000 euros do XXIV Premio Compostela á investigación contra a covid na USC

En concreto, será a iniciativa de micromecenazgo Sumo Valor da USC a que reciba o importe do premio, de 6.000 euros, que irá destinada a labores de investigación dentro da liña de loita contra a covid-19.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2020 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

O galardoado co XXIV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, o catedrático emérito Carlos Villanueva Abelairas, doará a contía deste galardón á investigación coa covid-19 na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Así o comunicou este martes nun acto celebrado no salón reitoral da universidade compostelá, ao que asistiron o reitor da USC, Antonio López; a secretaria executiva do Grupo Compostela Universidades, María Teresa Carballeira Rivera, e o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro.

No acto privado e do que informou a Xunta nun comunicado, Villanueva explicou que non dubidou á hora de decidir cara a onde orientar a doazón do premio xa que toda a súa traxectoria académica estivo vinculada á institución que a recibirá.

En concreto, será a iniciativa de micromecenazgo Sumo Valor da USC a que reciba o importe do premio, de 6.000 euros, que irá destinada a labores de investigación dentro da liña de loita contra a covid-19.

"Esta iniciativa compendia o que foi a miña vida profesional e os temas nos que me gustaría seguir traballando e apoiando, agora como catedrático emérito. Máxime en tempos de dificultades para todos", manifestou en referencia a Sumo Valor.

Respecto da doazón, a secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades (GCU) expresou que "satisfai dobremente" ao GCU xa que "á distinción da excelencia científica do profesor Villanueva súmase agora o recoñecemento da bonhomía, demostrada por premiar con este xesto altruísta".

Nesta liña pronunciouse o reitor da USC, Antonio López, ao considerar que esta distinción engade ás virtudes do académico a "xenerosidade" e contribúe a reforzar a idea da importancia papel da ciencia e do coñecemento para superar estes momentos.

Carlos Villanueva Abelairas é catedrático de Música da Universidade de Santiago de Compostela desde o ano 2000 e catedrático emérito desde 2020. As súas primeiras liñas de investigación céntranse principalmente na interpretación da música antiga e os instrumentos medievais, e máis adiante na crítica musical, a música española e latinoamericana do século XX, as músicas e exilios, así como a música e as identidades.

As súas publicacións relacionadas cos instrumentos do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago son referentes na musicologxa internacional e foi codirector do proxecto de construción dos instrumentos deste espazo, patrocinado pola Fundación Barrié da Maza e desenvolvido entre 1990 e 1994.

Co obxectivo de dar difusión internacional a este proxecto, levou a cabo viras por todo o mundo e realizou diversas gravacións co Grupo de Cámara da USC. Na súa extensa produción literaria, destacan as obras 'O Códice Calixtino e a música do seu tempo', 'Polifonía xacobea. As panxoliñas ao Apóstolo de José de Vaquedano', 'O son da pedra (Encontro sobre instrumentos no Camiño de Santiago)', entre outros.

Imaxe do acto de doazón por parte do catedrático emérito Carlos Villanueva da contía do Premio Compostela á USC. XUNTA
Imaxe do acto de doazón por parte do catedrático emérito Carlos Villanueva da contía do Premio Compostela á USC. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta