Maldita escuridade! (Sempre anoitece con máis Vox e menos Nós no horizonte)

«La libertad es un planeta gris, donde hay que vivir cada día con el objetivo de mantener el cielo lo más claro posible.» (Enrique Sáez Ponte, La libertad en el siglo XXI, Ed. Marcial Pons, 2019).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 29/10/2020

Comparte esta noticia
A outoniza moción de censura, que entupiu con follas podres os sumidoiros da política hispana, non era un obsoleto artefacto dos estandartes da extrema dereita, deseñado para colorear a pantalla do televisor coas diversas tonalidades da zuna que lle profesa Abascal ao Goberno de Sánchez e, de paso, deixar co cu ao aire as trécolas do tarambaina que lidera o Partido Popular. Non, que va! Esa retransmisión en directo do ideario político do centurión de Vox polos medios de comunicación, coa venia dos nosos ilustres representantes, malia a aparente discrepancia, só era a versión en tecnicolor dunha película de medo en branco e negro −branco agrisado e negro pálido− que, dende o primeiro día da transición, nos levan escorregando polos fociños os que mangonean o cotarro, onde a nosa cándida inocencia actúa coma unha escura cortina de fume, capaz de enmascarar a malévola serpe, encargada de pórnos a venda nos ollos, para que percibamos as cousas como nolas contan, no canto de deixárnolas ver tal e como son na realidade. 
 
O feito de que uns xenófobos, que presumen de ir ben vestidos, aos que non só lles repugnan a educación e a sanidade públicas, saquen peito para declararse herdeiros do franquismo, mentres zarandean o feminismo ou acusan de criminais aos que non lle caen simpáticos, non debería servirnos de coartada para concluírmos que, mercé a esas actitudes arrepiantes, xa estamos en condicións de saber quen son os malos da película, ou os dun bando e os do outro. 
 
Talvez cumpriría pensar sen présa, e así termos ocasión de deducir en que medida as falcatrúas da ultradereita serven para atoldar a maneira de entender a democracia, ou tinguir de gris marengo a palabra liberdade nos adormecidos catecismos ideolóxicos dos partidos sistémicos −PP, PSOE, C´s e UP− que nunca desaproveitan a ocasión para devalar e minguar os dereitos esenciais da cidadanía. E senón que nos expliquen, verbi gratia, porque branquean ao Emérito, permitíndolle que repita ao pé da letra as andanzas dos seus antepasados no cargo; ou porque despois de tantos anos seguen sen habilitar un sistema que non permita podrecer a xustiza e a cúpula que a goberna; ou porque non se lle ten ocorrido introducir na Constitución un artigo 135 social, capaz  de blindar nos orzamentos futuros os recursos necesarios para financiar como Deus manda a sanidade e educación públicas; ou porque... Pois simplemente porque, nos seus febles principios, sobra bastante Vox e falta moito Nós.
 
[O meu tío Lisardo pensa que o tumor maligno do facherío patrio é a causa, mais tamén a desculpa, para que a metástase que corroe os nosos dereitos e liberdades nos desperte cada mañá con amargos descafeinados con moi pouco  Nós e bastante sabor a Vox].

Vox leva o martes ao Congreso a súa lei para ilegalizar BNG, ERC, Junts e Bildu
Vox leva o martes ao Congreso a súa lei para ilegalizar BNG, ERC, Junts e Bildu | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.