O Concello de Sada presenta un escrito de oposición ao recurso dos Franco

O goberno local, satisfeito de que o Estado pida a execución provisional.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/10/2020 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

A representación procesual do Concello de Sada presentou este xoves o seu escrito de oposición ao recurso de apelación presentado pola familia Franco. No escrito, de 86 folios, ponse de manifesto que "contrariamente ao indicado no recurso dos Franco, o debate xurídico e a resolución do preito non pode facerse con abstracción dos feitos relevantes". "E de especial transcendencia, que o pazo foi residencia oficial do ditador, Caudillo de España, xefe do Estado e que, en virtude das súas propias normas, asumía todos os poderes do Estado", explica o consistorio.

Pazo de Meirás
Pazo de Meirás | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

O Concello de Sada entende que os Franco critican "aquilo que é decisivo". "A aplicación xurídica do contexto histórico no que Franco adquiriu a propiedade mediante a fraude, o negocio simulado e título radicalmente nulo, e despois os seus herdeiros, con pleno coñecemento, detentaron tras a morte do ditador".

"Os Franco non queren falar da historia porque saben que lles prexudica para a resolución xudicial nun procedemento que é de materia civil, pero que está sobredeterminado polas circunstancias e feitos históricos, de indubidables efectos xurídicos", engade.

ALEGACIÓNS

As alegacións presentadas insisten en que o asunto do Pazo de Meirás é "un caso único". "E así debe ser tratado, do mesmo xeito que o propio Tribunal Supremo considerou en varias sentenzas a retirada dos restos de Franco do Val dos Caídos".

Entende o Concello de Sada que no proceso xudicial seguido "quedou suficientemente acreditado e probado coas testemuñas tanto a nulidade de títulos como a orixe da incorporación do Pazo e edificacións e terreos intramuros ao Patrimonio do Estado". "Como tamén quedou probado a posesión de mala fe tanto polo ditador como polos seus herdeiros", sostén.

Por último, sinala que, unha vez que xa está interposto o recurso dos Franco e admitida a súa tramitación, procede a execución provisional da sentenza.

Por iso, mostra a súa satisfacción polo anuncio do Goberno de que solicitará dita execución e sostén que "non hai razóns legais" que a impidan. "Unha execución que, ademais, facilitaría o réxime de vistas e de uso público do pazo", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta