O BNG alerta dun "novo borrado da memoria colectiva" se o PP non cumpre coa declaración do Museo Carlos Maside como BIC

O prazo para resolver o expediente iniciado hai dous anos remata o 1 de agosto e a Xunta "non fixo absolutamente nada", advirte Mercedes Queixas, tal e como adiantou o Galicia Confidencial este sábado.

Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 20/07/2025 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

A portavoz de Cultura do BNG no Parlamento, Mercedes Queixas, advertiu contra o intento da Xunta de levar a cabo "un novo borrado da memoria colectiva" dos galegos e as galegas ao impedir a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do Museo Carlos Maside de Sada, que alberga unha parte da vangarda artística galega, recuperada da memoria do exilio para o patrimonio colectivo, como proxecto cultural senlleiro, por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, tal e como advertiu este sábado o Galicia Confidencial.

Museo Carlos Maside, situado en Cerámicas do Castro, Sada
Museo Carlos Maside, situado en Cerámicas do Castro, Sada | Fonte: GC

Segundo explica a deputada nacionalista e tal e como xa avanzou este medio, hai xa dous anos que, por mandato do Parlamento tras máis dunha década de infrutuosos intentos para levar a cabo un proxecto máis ambicioso, a Xunta publicou a resolución de incoación para declarar BIC o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside. O vindeiro día 1 de agosto, cúmprese o prazo que ten o Goberno galego para resolver o expediente, máis até o momento "o PP non fixo absolutamente nada".

"Sería unha irresponsabilidade gravísima que o PP non declarase o museo BIC", subliña Queixas, que lamentou ademais a negativa do Executivo de Rueda a incluír nesa declaración de Ben de Interese Cultural todo o conxunto de Cerámicas do Castro, como si se fixo co seu "proxecto irmán" de Sargadelos en Cervo. "Agora parece que ao PP até se lle fai moito darlle a máxima protección a unha parte do proxecto, que é o Museo, lugar da nosa memoria e parte fundamental do legado de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane", lamenta.

Dende o inicio, o BNG sumouse ás reclamacións de colectivos sociais, culturais, memorialísticos e institucións como o Consello da Cultura Galega ou o Concello de Sada para declarar BIC tanto o Museo como Cerámica do Castro. Seguindo esa liña, e ante a posibilidade real de que decaia o expediente incoado en agosto de hai dous anos, o BNG vén de rexistrar no Parlamento unha batería de iniciativas para instar á Xunta a, en primeiro lugar, respectar na declaración BIC o nome orixinal do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside e a incluír o conxunto do complexo do Castro.

"Todas as pezas forman parte dun mesmo proxecto integral e integrador", explica. O BNG reclama, ademais, que sexa o Laboratorio de Formas parte activa responsable da xestión do Museo, como "substrato e raíz histórica que é do amplo proxecto de industria cultural ao que deron vida Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo para recuperar a memoria, a tradición e a cultura popular galega".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta