Ana Pontón: "A contundencia salva vidas e emprego, non vale a vía Ayuso"

Pídelle a Feijóo que tome nota do que fan outros presidentes autonómicos e que non vaia a cabalo deles.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/10/2020 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O BNG instou á Xunta a actuar con "con decisión", "adoptando todas as medidas que sexan necesarias" para frear a segunda onda da covid-19, e "evitar os erros de marzo", cando "se infravaloró a gravidade do virus". "Tomar medidas rápidas e contundentes salvará vidas e reducirá o impacto tamén sobre a economía", sinalou a portavoz nacional, Ana Pontón, para quen o peche perimetral dos territorios limítrofes supón que, na práctica, estean a decidir polo Executivo galego.

Fronte a iso, considerou que o Goberno de Feijóo debería actuar coa mesma contundencia que o fan os executivos da contorna de Galicia. "Sabemos que canto antes se tomen as decisións que permitan frear a expansión da pandemia mellor será, porque poderemos salvar máis vidas pero tamén porque estaremos a pór as bases para evitar un desastre económico", manifestou tras un encontro con representantes das principais asociacións de traballadores autónomos.

Neste contexto, pediulle á Xunta que "actúe canto antes e coa contundencia que o momento require" e lembrou que o BNG dixo "hai tempo" que "había que blindar Galicia". Con todo, lamentou que, a día de hoxe, "todas as comunidades" da contorna da galega fixesen ese confinamento perimetral, unha medida que na práctica "outros están a tomar por Feijóo".

"Consideramos que o Goberno galego debe liderar a loita contra a covid e debe facelo pensando que o máis importante é salvar vidas e canto antes se tomen medidas mellor, porque se permitimos que a onda de contaxios cada vez vaia a máis, verémonos abocados a un confinamento", asegurou.

"Que se adopten as medidas necesarias e que non se siga a liña Ayuso de non tomar medidas contundentes porque o que se está facendo non funciona e se algo non funciona hai que cambialo e aprender dos erros da primeira onda, na que se infravaloró o virus", sostivo.

Para o Bloque, que "o virus estea descontrolado" ten moito que ver con "o feito de que o Goberno do PP non reforzase a atención primaria nin puxese en marcha unha estratexia de rastrexo dos contagios con suficiente persoal".

No encontro cos representantes dos autónomos, Pontón explicou as propostas que o BNG trasladará ao Parlamento de forma inmediata para salvagardar a un colectivo que considera "vital para a economía e o emprego do país" e que soportou "un maior impacto que no resto do Estado".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta