Os usuarios de residencias galegas contaxiados ascenden a 392 tras detectarse 35 novos positivos

O centro Nosa Señora dos Milagres de Barbadás convértese no principal foco, con 85 maiores e 48 empregados con COVID-19

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/10/2020 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

O número de usuarios con COVID-19 nas residencias galegas ascenderon a 392 este venres, tras detectarse 35 novos positivos. Ademais, nas últimas horas curouse un ancián e producíronse outro seis falecementos entre maiores, xa notificados na tarde do xoves.

Un operario con traxe de desinfeccion na residencia de anciáns San Carlos de Celanova en Ourense
Un operario con traxe de desinfeccion na residencia de anciáns San Carlos de Celanova en Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press .

Segundo o balance diario da Consellería de Política Social, con datos actualizados a última hora do xoves, sumáronse ao cómputo 17 usuarios da residencia de San Cibrao, en Cervo, centro que ata o momento contaba con tres infectados; e outros nove en Nosa Señora dos Milagres de Barbadás, que suma xa 85 anciáns infectados e convértese no centro con máis casos en Galicia.

Ademais, deron positivo en PCR nas últimas 24 horas seis maiores do xeriátrico Nosa Señora Valvanera de Cambados, dúas na Saleta de San Cristovo de Cea e un en Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume.

211 TRABALLADORES CONTAXIADOS

En canto aos traballadores dos centros de maiores, o parte deste venres computa 211 empregados con coronavirus, tras rexistrarse 21 novos casos e curarse seis persoas.

En concreto, dos 21 positivos detectados nos persoais nas últimas 24 horas, 14 correspóndense coa Nosa Señora dos Milagres de Barbadás, dous en Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, dous na Saleta de San Cristovo de Cea, un na de San Cibrao, outro en Meu Fogar de Taboada e outro en Bellavista Care de Nigrán. 

Tamén o centro de Barbadás é o principal foco de empregados contaxiados de COVID-19, cun total de 48, seguido de Salvaterra de Miño e Os Gozos de Pereiro de Aguiar, con 26 cada unha.

CENTROS DE DISCAPACIDADE

Pola súa banda, os centros de atención a persoas con discapacidade ven elevados a 30 máis os usuarios con COVID-19: 24 na residencia DomusVi Bóveda --suma seis novos en 24 horas--, un na Ricardo Baró de Oleiros, un na Pai Menni de Betanzos e catro na residencia San Vicente de Paúl (Lugo).

Así mesmo, hai 26 traballadores afectados nestes centros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta