A axuda dos best-sellers

Pode parecer estraño que un autor de moi humildes ventas defenda os libros que colman escaparates, pero hai numerosos exemplos de títulos con éxito internacional que me acompañaron co paso do tempo. A eles rindo esta homenaxe.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 05/11/2020

Comparte esta noticia
Escena 1: 1979. Levo dous anos en Estados Unidos, no estado de New Jersey, na cidade de Newark, na zona de emigrantes chamada Ironbound. Como cada sábado, meu pai Manuel Torrado Escurís vai ó banco – as pagas son semanais – mentres eu entro nunha cova chea de diamantes: a biblioteca na rúa Van Buren. Cheguei de España con gustos típicos: as aventuras descritas por Jules Verne e os libros dos Cinco da británica Enyd Blyton. Compracido co amable trato do bibliotecario, o Doutor Charles Allan Baretsky, levo para casa cunha felicidade absoluta (pois non está alterada por preocupación algunha) os libros sobre a investigadora adolescente Nancy Drew creada por Carolyn Keene. Meu pai volve do banco e tamén leva libros prestados.
 
O autor favorito do meu pai era William Somerset Maugham, escritor sabio e prolífico que está sendo mellor considerado co paso do tempo.
 
Ao meu proxenitor agradábanlle de modo especial os best-sellers de James Michener, que en “Iberia” describe a súa visita a Galicia, tal como fixo en “Uvas e granito” Nina Epton, unha cliente famosa de cando papá era taxista.
 
Tamén lle gustaban ao meu pai autores de éxito como Gore Vidal e Norman Mailer. De España, gozaba coa serie de Nancy creada por Ramón J. Sender, e con algunhas obras de Gonzalo Torrente Ballester.
 
Outros autores de best-sellers que frecuentaba eran Morris West (As sandalias do pescador) ou Robert Crichton (O segredo de Santa Vittoria). Tamén pasou bos momentos con libros de Ken Follett, John le Carré, Giovanni Papini, Irving Wallace ou Lajos Zilahy, e seguía con gusto a colección de éxitos condensados da revista “Selecciones” en español ou “Reader’s Digest” en inglés.
 
No cine, hai numerosos casos de best-sellers levados á pantalla grande. Entre eles, admiro as películas “A Lista de Schindler” de Steven Spielberg, “O paciente inglés” de Anthony Minghella e “O xardineiro fiel” de Fernando Meirelles, as tres protagonizadas polo galés Ralph Fiennes. O libro de James Jones “A delgada liña vermella” tivo unha impactante adaptación a cargo de Terrence Malick. Pasou o mesmo coa translación cinematográfica de “Os santos inocentes” de Miguel Delibes a cargo de  Mario Camus.
 
Hai dúas sagas que acadaron éxito masivo en papel e no celuloide: “O Señor dos aneis” de J.R.R. Tolkien e as aventuras de Harry Potter imaxinadas por J.K. Rowling. 
 
En canto a series de televisión, como non lembrar “Sandokan” sobre a historia de Emilio Salgari, “A casa da pradeira” sobre os textos de Laura Ingalls Wilder, “O paxaro espiño” sobre a novela de Colleen McCullough, “Eu, Claudio” sobre a obra de Robert Graves ou as peripecias do Comisario Montalbano creado por Andrea Camilleri? Aínda que non a cheguei a ver, sei que tivo moita repercusión a serie “Raíces” sobre o libro de Alex Hailey. Doutro Hailey, Arthur estou a reler neste tempo de pandemia “Hotel”, un deses libros de imaxinadas catástrofes que tanto se levaban noutras décadas.
 
Nos anos 80, dúas novelas históricas arrasaron nas librerías: “O nome da rosa” de Umberto Eco e “O perfume” de Patrick Süskind.
 
Na actualidade, chámame a atención a misteriosa autora italiana Elena Ferrante. Xulgando pola súa última entrega “A vida mentireira dos adultos”, ten un éxito mundial moi merecido. O mesmo sucede co suízo Joël Dicker e o seu magnético “A verdade sobre Harry Quebert”.
 
En canto a Galicia, cumpre destacar a pegada internacional de autores como Manuel Rivas con “O lapis do carpinteiro” ou Domingo Villar con “A praia dos afogados”.
 
As miñas propias novelas preferidas dentro deste mundo dos super-ventas son “O derradeiro coche convertible” de Anton Myrer, “Segunda xeración” da saga dos inmigrantes de Howard Fast e “Os cipreses cren en Deus” de José María Gironella. Unha mención especial para a serie “Cabalo de Troia” de J.J. Benítez.
 
É curioso que con frecuencia os rostros destes autores son pouco coñecidos. Destacan plumas como Isabel Allende, Dan Brown ou Stieg Larsson, entre moitos outros. O ideal parece ser o caso de estrelas como Milan Kundera, Haruki Murakami, Mario Vargas Llosa, Manuel Vilas ou Gabriel García Márquez, que chegan a entrar na consideración dos críticos á esfera da alta literatura. 
 
Quédanme dúas cousas por compartir. A primeira é sobre os momentos duros de acompañar a un ser querido no hospital ou cando está un mesmo ingresado ou convalecente. Neses días de sufrimento, non hai moitas ganas de entrar en profundidades, e encontro moita axuda nos libros de detectives. Os que máis amo son os do Inspector Wallander escritos polo sueco Henning Mankell, pero tamén me enchen de suspense e poderes de observación as series negras de P.D. James e Camilla Läckberg. Por suposto, hai quen adora a clásicos do xénero como Agatha Christie, Arthur Conan Doyle, Dashiell Hammet, Robert B. Parker ou Georges Simenon.
 
Escena 2: Outubro de 2020. Impulsado pola canción de ABBA “The Day Before You Came” que a menciona, entro por primeira vez nun paraíso chamado “O Rastro”, a poucos minutos de Cambados, para intentar encontrar algún libro da autora Marilyn French. Con certo esforzo, os donos da tenda dan cunha copia de “Mulleres”, obra desa escritora que era amiga da célebre feminista Gloria Steinem. Tamén encontro en vinilo interesantes recompilacións de éxitos dos anos 70 e 80. Por último, levo unha grata sorpresa ó ver que teñen en venta un exemplar da revista “Vibraciones” que data do meu ano predilecto para a música popular: 1979. 
 
Nese rastro, experimento un paradoxo: os estantes mostran numerosos libros que nun tempo arrasaban, pero eses libros de enorme éxito están agora fóra do radar. Os best-sellers adoitan ser desdeñados como algo efémero, livián e comercial. Acaban por quedar esquecidos en bibliotecas e nesas tendas de segunda man, pero talvez podemos estar agradecidos a moitos libros de éxito, pois describen épocas e proporcionan horas intensas de gozo lector.

Morea de libros
Morea de libros | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. A súa última novela é Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018)".