"Galicia debería estar presente nos foros lusófonos"

O S.X. de Política Lingüística fala da oportunidade que supón a lusofonía, do sentido das Letras Galegas e da importancia do galego nos concellos.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 17/05/2013 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Valentín García aborda nesta segunda parte da entrevista con GC a importancia que a lusofonía ten para Galicia, tanto no ámbito lingüístico, como no ámbito económico. Con todo, alerta de que "non se pode confundir o galego co portugués ou co reintegracionismo". Abrir un novo frente normativo suporía "romper a baralla" e se iniciarían, novamente, "loitas intestinas, guerra de tribus e miseria".

Tamén destaca que as línguas "non respectan soberanías, nin bandeiras, nin países" e, por iso, vería con bos ollos que Galicia participara nos foros internacionais dos países lusófonos.

Por outra banda, destaca a importancia da política lingüística no ámbito municipal e lembra que foi, precisamente, nos concellos, onde comezou a verdadeira normalización de galego. "O máis importante é o contacto persoal coa xente", sinala quen foi o responsable da Políticia Lingüística do concello da Estrada.

E finalmente valora a súa chegada á Xunta e o traballo realizado. "A miña experiencia é positiva e penso que non estamos lonxe de chegar a acordos porque coñezo á xente e aos colectivos e todos estamos loitando polo mesmo", conclúe.

A "oportunidade" da lusofonía

Esta mesma semana aprobabase unha iniciativa para acercar Galicia ao mundo lusófono. Que importancia ten unha iniciativa como esta?
Esa iniciativa, da que nós tivemos algo que ver, está avalada por Política Lingüística. A lusofonía é unha oportunidade para o galego. Nós enfocámola, ademais, cara ao sector económico porque, como sabes, os nosos empresarios, a diferencia dos cataláns, nunca se destacaron pola defensa do idioma, aínda que isto está mellorando. Por iso vimos a oportunidade de explicarlle a estes empresarios a importancia que teñen co idioma para exportar a países lusófonos. Para nós o contacto coa lusofonía é moi importante.

Pero entón, por que houbo que agardar tanto a que teñamos unha iniciativa como esta?
Alegrome de que me fagas esta pregunta porque, entre outras cousas, por algo que hai que deixar claro. Eu penso que se os gobernos galegos non se atreveron con este tema foi polo conflito normativo que houbo aquí durante moitos anos e que agora está aparcado. E é o que non debemos resucitar agora porque esta é unha iniciativa e unha lei para promover o coñecemento do portugués en Galicia. O que non podemos confundir é galego, con portugués ou co reintegracionismo.

Precisamente xa te adiantaches a outra cuestión que che ía comentar e era que xa hai quen está comezando a poñer enriba da mesa a posibilidade de, tamén, abrir negociacións en canto a normativa actual para aproximala ao portugués
E que non podemos entrar aí. No momento que entremos aí, rompemos a baralla, e iso o único que nos trae é conflito normativo, enfrentamento entre entidades promotoras do galego... Ousexa loitas intestinas, guerra de tribus e miseria e a lusofonía, aparcada. Se temos estabilizado o sistema normativo que marca a RAG, e que tamén entendo que poida ser discutida por uns e por outros, e mantemos esa marca de referencia pois podemos falar doutras moitas cousas como a a aprendizaxe do portugués. E se alguén o ten fácil, eses son os galegos porque somos linguas do mesmo tronco común. Pero o galego é unha língua propia de tanta entidade e tradición literaria coma o portugués ou coma o castelán. Non lle temos que envexar nada a portugueses ou españois. O que non podemos pretender é converter o galego nunha variante do portugués porque o estaremos entregando a Lisboa.

E deixando de lado a vertente lingüística, cres que Galicia debería estar presente nos foros lusófonos, digo como entidade política?
Si, por suposto.

"As línguas non respectan soberanías"

Dígocho porque agora non está.

Por suposto que debería de estar porque, ademais, o galego, forma parte da gran familia da lusofonía. Pero para iso teremos que ter clariñas algunhas cousas. Non podemos botarnos a navegar se, logo, o barco, afunde.

Pero ti, como secretario xeral dun goberno do PP, cres que o teu partido estaría disposto a que Galicia estea presente en organismos internacionais do mundo lusófono?
Se nos admiten, porque non. Claro que si. Ese é outro prexuizo que temos; asociar un territorio a un estado e a unha língua. Hai moitos estados que son plurilíngües e hai moitas línguas que non teñen un estado e non por iso son máis débiles. Pero como membro dun gran partido o que nunca vou defender é que Galicia estea presente como estado en ningún foro porque eu non son nacionalista, aínda que entendo, e é lexítimo, que outra xente o pense. E iso non quita que non estemos neses órganos como língua. As línguas non respectan soberanías, nin bandeiras, nin países. Este é outro mantra que temos que romper. Hai estados moi fortes que teñen un só idioma e estados pequeniños que teñen catro, e non por iso unha língua é máis ca outra. E Galicia reúne todas as condicións para ter unha língua propia diferente ao portugués e ao español e calquera portugués entende a nosa variante escrita, igual que calquera español, coma nós entendemos as deles. Entón, para que andar complicando máis as normas?.

O significado do Día das Letras

Cambiando de tema, porque estamos nunha data simbólica como é a das Letras Galegas. Quería preguntarte se, cos anos, non se institucionalizou de máis a celebración dun día tan simbólico en detrimento dun día máis reivindicativo?.

Eu aínda lembro cando era pequeno que o único día no que se falaba en galego e saía nos medios era o Días das Letras. Agora isto non é así. Xa se fala da semana das Letras, do mes das Letras, do ano adicado a Roberto Vidal Bolaña. Eu lembro que cando eu estudaba na facultade lía, e coma min os meus compañeiros de claes, todos os libros que se editaban en galego. E dábanos tempo. Hoxe xa non son capaz nin de ler os que saen en galego na miña comarca. E é que a situación mudou moito desde cando Paco del Riego comezou a celebrar no 63 o Día das Letras. Eu lembro na Estrada, no 70, como por poñer a bandeira galega e cantar o himno, o alcalde foi cesado. Esa era a situación. Afortunadamente as cousas cambiaron e este día é festivo e somos un dos poucos sitios no mundo que lle adicamos un día festivo as súas letras, o seu idioma. Isto non pasa nin co español, co francés ou catalán.

Sen embargo, parece algo de postín. E volvo ao tema dos medios que só utilizan o galego na portada ese día, por exemplo. Por que ese día e non outros?
Non só é ese día. Tamén o fan o día 25 de xullo e, este ano, nalgúns casos, non en todos, conseguimos que o fixeran o primeiro día do ano. Niso estamos. No ámbito da prensa escrita é difícil, pero niso estamos. E o Día das Letras segue sendo un día moi importante e paga a pena todo o que facemos por el.

Máis contacto no mundo local

Ti chegas da política municipal. Que diferencias atopas de traballar como responsable de Política Lingüística dun concello como A Estrada a facelo directamente na Xunta?

Hai moitas. No local, o ámbito de actuación é mais restrinxido. O contacto co cidadán é máis fluído. Ti vas e ves quen vai, quen non vai, quen participa. Nós desde aquí organizamos centos de actividades ás que eu non podo ir, por exemplo. O traballo é máis grande e de moito máis alcance.

Vexo que botas en falta ese contacto persoal coa xente...
Si, porque eu fun moito de contacto persoal que foi no que me formei. Eu non veño da cátedra, de ningún departamento de investigación. Eu veño de andar polas portas, de andar petando nas portas das empresas dun polígono industrial un 15 de xullo para convencelos de utilizar o galego. Iso ten as súas ventaxas e desventaxas, tamén. Pero, está claro que o ter traballado nun concello pois permíteme, agora, ter unha xuntanza cos empresarios en Lestrove como tiven este xoves e intentar que introduzan o galego nas súas empresas. Tamén na Secretaría me atopo moi a gusto e estou porque quero. É un periodo que teño que cubrir, pero eu sei que a oportunidade do local é o ámbito persoal, porque é aí onde un demostra o que pode facer cando ten que convencer a xente da importancia de usar o galego. Se non es capaz de convencer a alguén de que mude a súa práctica lingüística ou conserve a que ten pois con leis ou decretos non chega. Hai que convencer á xente.

Entón ti pensas que a Política Lingüística é máis de proximidade, máis de concellos?
Si. Estou convencido diso. E de feito, en todo o proceso normalizador, o do inicio, desde o ano 81, os concellos tiveron un papel fundamental. O papel dos concellos na normalización, para os poucos medios que tiveron e a pouca coordinación que hai, foi exemplar. E en todos eles a implantación do galego foi exemplar, case natural e case sen conflictos. Quizais no do ensino houbo algún problemas, ao comezo, pero nos concellos a normalización sempre se fixo e con gobernos de distintos partidos. E, curiosamente, isto non pasou no ensino ou na sanidade. Os concellos creo que o asumiron pola proximidade dos cidadáns. Nun país onde na maior parte dos concellos a xente é galegofalante pois, as administracións locais deixaronse ir. Nese aspecto, na administración local todo se fixo sen dispendio de medios porque os recursos sempre e son moi pequenos. E iso non foi en todas as comunidades. Pasou aquí en Galicia e eu penso que foi pola proximidade dos concellos aos cidadáns.

Os retos do galego

E cales son os retos de Política Lingüística?

Pois tentar que a xente nova conserve, manteña e use o galego. Tamén é importante manter a transmisión xeneracional. Que os avós lle transmitan a lingua e a cultura ao máis pequenos. E logo está a xuventude que é unha xeración difícil na que entrar. Por iso lanzamos agora un programa con medallistas olímpicos para que vexan que os grandes deportistas tamén falan galego. Tamén está o ámbito da Xustiza  no que, polas súas especificidades, é difícil introducir o galego, pero estamos facendo cousas nese eido. E, finalmente, no ámbito da Sanidade, do lecer, das novas tecnoloxías --Facebook, Twitter, Google, o .gal, telefonía móbil-- ou no formativo.

"Boas relacións" con todos

E xa a última cuestión que che quero facer, xa de índole persoal. Chegaches aquí para substituír a Anxo Lorenzo, que viña do sector académico, e con moitos amigos que non entenderon a súa elección. Como foi esa transición logo do periodo de Lorenzo?. Hai máis ou menos problemas?

Evidentemente eu cando cheguei aquí é porque xa estaba colaborando con Anxo. Os dous somos amigos de hai moitos anos. Eu vivín todo ese periodo combulso xunto Anxo. Pero non sei se agora é máis o menos difícil, porque difícil é todo. O bo é que eu teño boas relacións con todo o mundo e, cando digo todo o mundo, é todo o mundo; partidos políticos, asociacións, fundacións... independentemente das ideoloxías ou posicións políticas. O que é o trato e a negociación pois moi ben con todo o mundo. Tamén é certo que levo traballando moitos anos neste ámbito desde un concello e metido en numerosas asociacións e iso dache a posibilidae de falar con moita xente. Iso axudoume moito. E, logo, cando eu cheguei aquí pois tratei de calmar a todo o mundo. Vós sabedes que isto non se arranxa en dous días; nin cun coberno, nin co outro. E díxenlle: "imos a relaxarnos todos un pouco e ver que podemos facer cos medios que temos". Nese sentido teño que agradecer as mellores actitudes por parte de todo o mundo cando eu cheguei aquí, ata hoxe. E iso non quere dicir que non haxa problemas. Eu cando entro por esa porta teño problemas. Pero estamos nun proceso de normalización lingüística e non é un mundo de cor de rosa. Tamén hai que ter paciencia e tentar resolver os problemas dialogando. O secretario xeral non pode ser unha persoa que prendan lume nela fácilmente. Hai que saber escoitar, entender, falar, informar pero tamén soportar, que é unha función máis do secretario xeral de Política Lingüística. Pero a miña experiencia é positiva e penso que non estamos lonxe de chegar a acordos porque coñezo á xente e aos colectivos e todos estamos loitando polo mesmo.

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística
Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 32 comentarios

16 Guillermo Rguez. Fdez.

Eu entendo que o problema do galego e do portugués será resolto cando deixemos que sexan os galego/portuguésflante quen vaian limando diferencias co uso cotián de cada língua en contacto coa outra.Entrar en disquisicións normativas agora levaranos a unha guerras intestinas estúpidas. Os galegos enténdennos perfectamente e nós a eles igual. Ü-lo problema? O tempo todo o cura; deixémolo traballar.

1 Guillermo Rodríguez Fdez.

Quixen dicir que os portugueses nos entenden perfectamente.

2 Alto do Vieiro

Toda a razão do mundo. São outros os que "não nos entendem, não". ;-) Uma aperta bi-normativa.

15 Culleredo

LEI DE (AL)BERTO: Cando alguén do PP se aproxima de mala gana a quen pensamos que o galego é o idioma nacional de Galicia, iso para o reintegracionismo é unha proba de que os galeguistas colaboran co PP. Cando se aproxima ao reintegracionismo ou cando AGAL recibe subvencións do PP son boas noticias que debemos aplaudir, mesmo parabenizando a quen o fai. Curioso, non?

1 AntonioGil

Não entendo. Todos? Alguns? De que? por que? Para que?

14 Isabel Foz Igrexas

Por fin un pepeiro defendendo o galego, xa se viu que isto amolou a moitos reintegracionistas...non sei porqué....si total grazas a eles os españolistas critican ó galago aínda mais e confunden á xente despolitizada e sen formación universitaria "achegando" o galego ó portugués, se queremos que o galego se siga falando no século XXII as loitas internas son o millor pra destruílo.

1 AntonioGil

Está certo de que o "pepeiro" defende o "galego"? Onde o vê? E onde v~es que "amolou a moitos reintegracionistas"? Explique a cada opinião de cada reintegracionista e não pontifique generalizando.

13 Manuel R.

Eu sou reintegracionista mas vejo muito reintegracionista fanático e mal-educado por aqui. Não gosto desse panorama... O resentimento que cada um tenha (por favor) que o deixe na casa para os debates privados. Eu acho positivas as declarações do Sr. Valentin e toda cousa positiva para a língua é sempre bem vinda.

1 jos

Fala por ti. Cada quem tem a sua opinião.

2 AntonioGil

Fala por ti. E se vês "muito"..., responde ou contesta o "visto". Dá ocasião a conversar.

12 AntonioGil

Senhor, por favor, deixe de interferir nas atividades civis em prol do Galego e cumpra bem o art. 14 da veneranda CE 1978, exvirginal, e sobretudo o art. 10.2 dessa legalidade fundamental. Porque o art. 5, todo, do EAG deve ser cumprido sem infringir nem violar os artigos constitucionais. Porfim, tenha em conta que o "conflito normativo" foi causado pelos organismos do reino bourbónico na CAG, porquanto se empenham em fazer oficial o que no reino de espaÑa não é oficial, que é a ortografia das "lenguas españolas".