Feijóo: "Lugo non pode quedar descolgada da alta velocidade"

Traslada á alcaldesa lucense os avances no barrio da Residencia e pon no foco a conexión Lugo-Ourense en AVE.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/11/2020 | Actualizada ás 15:57

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou este venres á alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, que o primeiro centro integral de saúde de Galicia, que estará situado no barrio lucense da Residencia, entregarase previsiblemente na primavera do ano 2022. Fíxoo tras un encontro no que tamén situou no foco de prioridades que a cidade non sexa "discriminada" na alta velocidade ferroviaria.

Feijóo reúnese coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez
Feijóo reúnese coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez | Fonte: Xunta de Galicia.

A infraestrutura integral, que integrará un centro de saúde, un punto de atención continuada, un punto de saúde mental e a base do 061, é unha das cinco comprometidas para revitalizar o barrio lucense, que no seu día sufriu o impacto do peche do antigo Hospital Xeral tras o traslado dos pacientes ao Hospital Lucus Augusti.

No mesmo barrio da Residencia, Feijóo asegurou que a Xunta está tamén "a punto" de obter licenza para que a Fundación Amancio Ortega, a través do convenio subscrito coa Administración autonómica, poida construír o novo centro xeriátrico, e lembrou que a nova oficina de formación e emprego, licitada en outubro, entregarase en 2021.

Feijóo tamén aludiu ao impulso da central de biomasa e do centro de emprendemento aeronáutico, cos que se finalizarían investimentos neste barrio que --conxugando o financiamento público e a privado-- alcanzaría os 30 millóns de euros.

As infraestruturas viarias, a estación intermodal e a conexión ferroviaria de alta velocidade tamén estiveron sobre a mesa durante o encontro. De feito, o presidente indicou que, baixo o seu punto de vista, no que respecta ao ámbito ferroviario, "a prioridade" é "a conexión de Lugo con Ourense".

"Lugo non pode quedar descolgada da alta velocidade. Hai un proxecto de 1.200 millóns, que é o grande, con variantes. Pero hai un proxecto que é determinante, que son 283 millóns, que afecta a todo o percorrido de Lugo a Ourense con electrificación de vía de alta velocidade deixando para máis adiante as variantes", remarcou o presidente, quen garantiu a súa "axuda" á rexedora para "tentar que o Goberno priorice ese investimento, clave para a non discriminación de Lugo" con respecto ao AVE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta