As dificultades de vivir do mel no rural: ingreso complementario e falta de investimento

A maioría de apicultores traballan por afección e por complementar a economía familiar. Os traballadores en exclusiva son poucos. O rendemento económico que lle poden sacar depende do destino que se lle dea a este produto.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 13/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As alternativas económicas para asentar xente no rural necesitan dun investimento máis elevado que o actual. Así o estiman algúns profesionais da apicultura, unha das alternativas que queren “vender” como maneira de fixar poboación agraria. Con todo, son numerosos os apicultores que non teñen esta actividade como complemento para a economía familiar. A dedicación exclusiva é moi escasa e ten que estar moi ben planificada, cun mercado seguro onde darlle saída ao produto.

Imaxes do documental sobre apicultura e extracción do mel
Imaxes do documental sobre apicultura e extracción do mel

APICULTURA, UNHA BOA ALTERNATIVA?

Camilo vive en Ourense, ten colmeas mais é unha actividade secundaria para el, o seu emprego está na administración. Antes ser empregado fixo botou tempo facendo substitucións “ata que chegou un momento en que non chamaban a ninguén”. Foi cando decidiu facer cursos de apicultura e despois, aproveitando os terreos da familia, instalou as súas colmeas sendo consciente de que era una alternativa pouco sólida para poder vivir dela.

Xavier pola súa parte colocou colmeas para polinizar castiñeiros. Co tempo quixo sacarlles rendemento vendendo o seu produto. “Eu non quería emigrar, así que traballei os castiñeiros, as colmeas coloqueinas pedindo os permisos a extensión agraria e indicaron onde as podía instalar”. Logo comezou a vender mel “porque hai mercado”, mais non apostou por unha elaboración especializada.

Ademais do mel, existen outras vías de obtención de ingresos coas abellas como di Xavier, que durante un tempo “criei raíñas para vender, mais agora non teño moito tempo para elas, así que xa non crío”. Este apicultor de Trives engade que “para min a apicultura é unha boa forma de vida, ten que gustarche

RENDIBILIDADE E INVESTIMENTO

Existen axudas para fomentar a apicultura? Si, aínda que “están encamiñadas para que a xente non marche do rural, non para que asente xente nova” di Camilo. No seu caso, directamente non pediu as axudas porque o camiño das solicitudes para el era “inviable” porque “hai unha desconexión entre a política de axudas e a realidade”.  “Os investimentos aumentan cada ano, porque queres sacarlle máis rendemento” aclara Xavier.

O problema vén cando se desexa aumentar a produción e diversificala. A necesidade de buscar un mercado xa é un paso que bota para atrás a moitos. “Se queres comezar de cero e ter  unha produción elevada e diversa, o investimento para comezar sería de 800.000 euros” di Xavier. O investimento inclúe a construción dunha nave industrial, a compra de maquinaria especializada e a man de obra.

“Se queres traballar en plan profesional tes que colocar mínimo 500 colmeas e de aí para arriba” di Camilo que engade: “a maioría da apicultura en Galicia é non-profesional”. Por outra parte, a comercialización, moita dela a granel, sufriu unha freada importante coa COVID.

O aumento da rendibilidade a día de hoxe pasaría por aumentar e mellorar a formación, din os apicultores. A isto, debera sumárselle o recambio xeracional facilitando o acceso a parcelas para xente nova. E este último punto leva ao desexado “cambio nas políticas de subvención”.

ALGÚNS DATOS

A Asociación Galega de Apicultores (AGA) apunta que boa parte da produción vai para a venda a granel. Mentres que os máis pequenos poden acollerse ao Decreto de produción primaria e, nun futuro ao Decreto de Artesanía Alimentaria. Non poderán saír co mel fóra de Galicia, aínda que si poderán comercializar dentro, segundo Jesús Asorey, presidente da AGA. “Logo están os que se acollen á Denominación de Orixe Mel de Galicia, protexida pola UE”. Logo hai quen por “comodidade” vende a almacenistas que iso é a venda a granel.

Sobre a necesidade dun número elevado de colmeas para poder vivir, Asorey declara que “se imos ao modelo español, para poder vivir si, ao mellor hai que ter mil colmeas”. O feito de que haxa poucas colemas en Galicia vén motivado pola busca da calidade e a comercialización. Se  se vende a granel un ano “poden pagarche o quilo a 5 euros, mais o ano pasado foron 3,80 euros”, por tanto estase ao que digan os mercados.

Para o presidente da AGA a necesidade dunha envasadora potente que “vendese por toda a UE”, daría saída ao produto e redundando así na mellora da calidade de vida das familias que viven do mel. A día de hoxe, falando de prezos, un quilogramo de mel estase pagando a 5 euros, mentres que se é mel ecolóxico son 6 euros. Os prezos no mercado andan por 10 euros o mel corrente e a 12 euros o ecolóxico.

O feito de apostar pola calidade elimina a posibilidade de competir co mel de Arxentina ou China, que son grandes produtores. Mais sobre se é posible vivir deste negocio, Asorey considera necesario un cambio nas axudas e nos seus orzamentos. Actualmente os orzamentos europeos para o mel son 600.000 euros cos que “pouco se pode facer”.

A apicultura como modo de vida, para poder vivir no rural e asentarse unha familia é, a día de hoxe, unha actividade que non pode asegurar ese asentamento. A maioría de apicultores teñen este traballo como unha segunda actividade. Quen vive case en exclusiva do mel precisa investir cada ano en reformar e en nova maquinaria. A conclusión de AGA e de traballadores do sector é que para poder vivir da produción de mel é necesario facer un cambio en varias leis, políticas agrarias e lexislación comercial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta