A Xunta volve a "abandonar" a 37 investigadores tras dicir que a ciencia galega non emigra

O pasado ano tamén deixo desamparados a outros 34 investigadores que tiveron que denunciar a súa situación aos medios para que a Xunta actuara.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/11/2020 | Actualizada ás 10:53

Comparte esta noticia

A principios deste mes, a Xunta anunciaba que "15 científicos de recoñecido prestixio" vanse incorporar nos próximos meses ás universidades galegas en calidade de Investigadores Distinguidos (ID). Unha figura impulsada pola Xunta ao abeiro do primeiro Programa de Atracción e Retención do Talento científico en Galicia e que Educación presentaba destacando que se busca atraer investigadores galegos para que non emigren.

Non pasaron nin dúas semanas deste anuncio e un total de 37 investigadores postdoctorias nas universidades galegas denuncian que están "abandonados" por parte do goberno galego e sen posibilidade de continuar os seus contratos ata, cando menos, mediados do vindeiro ano.

Investigador nun laboratorio
Investigador nun laboratorio | Fonte: MINISTERIO DE CIENCIA - Arquivo

Estas persoas son investigadoras e investigadores de alto nivel, que completaron dous anos de estadía financiados pola Xunta de Galicia en centros internacionais de reconocido prestixio, e o seu retorno e estabilización asegura que a inversión realizada neles repercuta na sociedade galega. "Por iso, as políticas de abandono que a Xunta practica ano tras ano con estes colectivos son de especial gravidade nun marco coma o que estamos a vivir debido á crise sanitaria producida pola Covid-19, no que os esforzos por conservar o talento  investigador e por rentabilizar as inversións en ciencia deberían de estar maximizados", denuncia o colectivo nun comunicado.

ANUNCIOS DA XUNTA EN PERÍODO PRE-ELECTORAL

Así, critican que a Xunta de Galicia anunciou en período pre-electoral prórrogas para as persoas investigadoras dela dependentes, semellantes ás anunciadas polo goberno central (aínda que de maior duración). Estas prórrogas tiñan como obxectivo paliar os efectos negativos que a crise sanitaria tivo sobre as investigacións destas persoas, e rematan na súa maioría entre os días 29 e 31 de decembro de 2020.

Pero, o Goberno galego mantén que a próxima convocatoria á que deben concorrer estas persoas (continuación dos contratos que disfrutan actualmente) non sairá publicada antes do mes de febreiro, e que en todo caso se espera que se publique “na primeira metade do ano 2021”. Isto significa que estas persoas verán interrompidas de novo as súas labores tanto docentes coma investigadoras. Unha situación, denuncian, provocada "pola falta de previsión da Xunta de Galicia" e que provocará "unha sobrecarga engadida" nos departamentos universitarios ós que pertencen estas persoas durante varios meses.

Aínda que este colectivo de investigadores solicitaron de maneira reiterada, individual é colectivamente, reunirse cos responsables do programa posdoutoral da Xunta para tratar estes problemas, dende o goberno galego non se deu resposta a esta petición

Ademais de pedir a convocatoria canto antes, consideran "de vital importancia" que as persoas que disfrutaron de permisos de maternidade dispoñan de mecanismos reais de equiparación co resto das persoas coas que deben concorrer á seguinte convocatoria.

A XUNTA REPITE A MESMA SITUACIÓN

Fai pouco máis de un ano, 34 investigadoras dependentes da Xunta de Galicia (I2C 2016) pasaron xa pola mesma situación. Entón denunciaban que a falta de previsión por parte da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria e o GAÍN (dos que dependían os seus contrato) resultaba "nun grave prexuízo" para as súas carreiras investigadoras, xa que se producía un salto entre convocatorias de arredor de 6 meses. Ademais, no caso de persoas que tivesen desfrutado de permisos de maternidade ou paternidade, o devandito salto sería de máis de 10 meses.

Naquel momento, a Xunta de Galicia recoñeceu que o que denunciaban estas persoas estaba fundamentado, e procedeu a financiar contratos-ponte que suavizaran ese período entre contratos, e no caso das persoas con permisos de maternidade estendía estes contratos-ponte para equiparalos aos das persoas coas que deberían de concorrer á seguinte convocatoria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta