Xoán V. Mao: “O Corredor Mediterráneo ten un plan director, o do Atlántico un power-point con erros notables”

A potenciación dos corredores ferroviarios e marítimos no Atlántico europeo parece ter un obstáculo na Península Ibérica. Non ocorre o mesmo co Corredor do Mediterráneo que por cuestións políticas e demográficas leva a maioría do peso orzamentario para estas infraestruturas. É unha das críticas que fai o secretario xeral do Eixo Atlántico nesta entrevista con GC.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 22/11/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Xoán Vázquez Mao expón a preocupación de sectores empresariais e sociais en Galicia e noroeste penínsular sobre os escasos investimentos nesta área e sobre todo, o que consideran unha falta de interese por parte do Goberno central e mesmo de  políticos e axentes económicos e sociais galegos. 

Tren AVE de Talgo, Avril
Tren AVE de Talgo, Avril

-Por que existen dificultades en desenvolver o corredor do atlántico cando, segundo voces empresariais e sociais, se fala alto potencial económico nesta área?
A situación actual, que nós saibamos, é que só hai propaganda con “faremos maiores investimentos que no Mediterráneo e serán os máis grandes da historia”. Cando vas aos orzamentos ves que non hai nada. Hai que deixar as guerras de guerrillas en Galicia, cada un coa súa historia. Primeiro, todo canto pasa no Goberno é responsabilidade do presidente do Goberno, e logo, subsidiariamente, dos deputados que apoian ao presidente, entre os que hai deputados galegos. Entón, aquí hai un grupo de persoas que cobra mensualmente porque representa os seus electores. Aquí a responsabilidade das decisións recae nun señor que se chama Pedro Sánchez apoiado por outro señor que se chama Pablo Iglesias. Logo hai un ministro que di o que di, ese ministro está posto por Pedro Sánchez e este último está apoiado por uns deputados galegos do PSOE. E Pablo Iglesias está apoiado por uns deputados galegos de Podemos, incluíndo unha ministra galega. O que non se pode facer é agochar a cabeza botándose a culpa uns a outros. Non, a culpa é de quen é, con nomes e apelidos e de quen ten as competencias.

-Mais non son abondo os orzamentos de máis de 2.000 millóns de euros anunciados?
Todo o que non son contas, son contos. As contas están nos orzamentos e como nos orzamentos non hai nada, o que hai son contos. As declaracións do ministro Ábalos do pasado xoves  12 de novembro dicindo “que o corredor do Mediterráneo non ten nada que inventar a diferenza do Atlántico”, a min resúltame ofensivo. Entón, Corredor do Mediterráneo ten un plan director. Corredor do Atlántico tiña un power-point con erros notables nas presentacións, porque había mapas que non coincidían cos da Comisión Europea, e cando lle pedimos tres veces a Ábalos, eu pedinllo por carta, o Plan Director, nin siquera contestou ás cartas.

-Cales son as motivacións para non responder e mostrar ese “desinterese”?
Creo que hai dúas claves. Unha é en clave interna do PSOE que é a falta de liderado. O desinterese do Goberno vese na falta de resposta por parte do secretario socialista autonómico. Se isto acontecese noutra comunidade con goberno socialista ou o secretario xeral socialista, estarían reuníndose en Madrid e non dicindo que os orzamentos son fantásticos. Por tanto, a primeira clave é a falta de peso do Goberno, independentemente de quen sexa o goberno e de cal sexa o partido. Segunda clave, hai unha cuestión electoral. Os gobernos febles teñen que apoiarse onde teñen os votos e onde hai máis votos é onde hai máis poboación, neste caso, o Mediterráneo. José Luis Ábalos é de Alicante, o PSOE necesita o voto de ERC e iso ten unha peaxe. Aquí en Galicia o único que necesita é o voto dun só deputado, mentre ERC son uns cantos e isto pasa peaxe. E por último, o empresariado do Mediterráneo é un empresariado moi potente e está todo unido. O empresariado galego é unha desgraza e están a labazadas un día si e outro tamén. Así, os empresarios galegos de verdade, ou os que non sendo galegos teñen investimentos en Galicia, non se meten nestas historias.

As declaracións de Ábalos dicindo “que o corredor do Mediterráneo non ten nada que inventar a diferenza do Atlántico”, resúltanme ofensivas

Xoan Vázquez Mao, Secretario Do Eixo Atlántico.. EUROPA PRESS - Arquivo
Xoan Vázquez Mao, Secretario Do Eixo Atlántico.. EUROPA PRESS - Arquivo

-A que se debe iso?
Habería que preguntarlles a eles. Ao mellor non queren mesturarse en leas diarias por ver quen ten un posto ou quen sube máis na lista. Non é estraño ver empresarios que queren entrar en listas oficiais. O que veu despois foi aquela historia dos Tres Tenores, o presidente de Asturias, o de Castilla y León e o de Galicia. Aí houbo unha oportunidade magnífica de ter feito algo con todos, como tentamos facer nós cando organizamos a reunión do Barco. Daquela estiveron Luis Villares, dirixentes do PSdeG, do Parlamento. Pois cando organizaron o dos Tres Tenores, aquilo foi unha xogada mediática que nin sequera foi organizada por Feijóo senón polo seu entorno. Finalmente, presentaron unha idea contra a que nos opuxemos visceralmente pois era mortal para Galicia, unha segunda vía polo Cantábrico. Era volver á historia dos tres aeroportos. Despois apareceu a Confederación de Empresarios de Ourense para presentar unha terceira vía por Zamora, que deixa vía libre ao AVE. Os novos trens que circulan polos corredores europeos son máquinas de 740 metros para que sexan rendibles. Levar un tren de 740 metros diarios é moi complexo.

Os gobernos febles teñen que apoiarse onde teñen os votos e onde hai máis votos é onde hai máis poboación, neste caso, o Mediterráneo

-É imposible que circulen trens así no Corredor Atlántico?
Se dispersas en tres corredores eses trens, non hai operadores suficientes, se non hai operadores, que máis ten que teñas vías? O tren quen o move é o operador. E isto non é a RENFE que recibe unha cantidade inxente de diñeiro por ser servizo público e logo anda pechando estacións, isto é mercado puro e duro. Cando o dos Tres Tenores, houbo unha oportunidade de ir todos xuntos. Pois quen implicou a Feijóo quixo facer valer o seu posto e por tanto non tirou pola vía unitaria. Así que a Feijóo non o culpo de nada, só ter ido saír na foto. Os que foron a esa reunión desde Galicia, cada un foi polo seu lado. Iso o Corredor do Mediterráneo non o fai. Resumindo os tres elementos, política, división, falta de empresariado que presione e os intereses políticos e electorais.

-E non existe ningunha vía que permita facer presión sobre o Goberno central?
A única vía que estamos tentando empregar é Portugal, porque para sacar as súas mercadorías ten que ser polo corredor do atlántico.

-Polo dito ata o de agora, tamén se pode ver un minifundismo empresarial.
Si, porque os grandes empresarios, porque os hai, non están nisto. É certo que temos un clúster da loxística potente, temos o clúster do automóbil arredor de PSA, temos Inditex, tamén empresas ligadas á tecnoloxía e aos laboratorios. Por que non se move esta xente? Porque non están implicados nestas cuestións.

-De todas maneiras, a implicación desas grandes empresas daríalle maior peso á iniciativa. Como se podería materializar isto?
O que queremos é que o presidente da Xunta lidere un movemento que imos poñer en marcha xunto coa FEGAMP e o CES (Consello Económico e Social de Galicia). Nós ofrecémoslle o liderado a Feijóo, mais desde a lealdade, non desde a propaganda. Entendemos que debe lideralo o presidente da Xunta primeiro pola súa representatividade e segundo, porque ademais el pode motivar que as grandes empresas se impliquen. Isto ten que ser algo serio para presionar ao Goberno e ter resultados. É algo que tentamos poñer en marcha desde onte. Falamos dunha posición institucional do presidente da Xunta de Galicia, independentemente de como se chame, ou de que partido sexa. Falamos de institucionalidade.

-Están esperando que esa institucionalidade se faga valer...
O Atlántico non é só Galicia. Nós entendemos que para poñer en marcha todo isto teñen que estar implicadas Euskadi, Cantabria, Asturias, Castilla y León e Extremadura e Portugal. Mais Portugal non é para mobilizalo, senón para que presione ao Goberno español porque tamén os portos portugueses é por onde saen mercadorías. Aí o perfecto sería que o presidente galego fale cos seus homólogos das comunidades que nomeei e propoña unha unidade de acción entre as seis autonomías que representan a metade de España, non en poboación lamentablemente, e tamén por falta de desenvolvemento, mais representamos o Atlántico. Entón imos xogar as nosas cartas en Madrid de que “o Atlántico tamén existe”. Somos o Atlántico, somos os mellor posicionados cara MercoSur, cara o sur de EE.UU e o canal de Panamá, por onde veñen os barcos de Asia. Logo a parte cántabro-atlántica ten trece portos de interese estratéxico, dos que tres son de augas profundas.

O que queremos é que o presidente da Xunta lidere un movemento que imos poñer en marcha xunto coa FEGAMP e o CES

-Existen máis conxuntos portuarios en Europa que sirvan de modelo para presentar resultados ao Goberno?
Se nos coordinamos todos, especialmente galegos e portugueses, poderiamos competir con Rotterdam,  co corredor Hanseático no Báltico, que ademais están trazando a ruta cara Asia polo Ártico que é máis curta, e sobre todo podemos competir co do Mediterráneo que vai de Algeciras a Barcelona.

-Falabamos do Goberno central, mais tamén non habería falta de interese por parte da UE?
Non, todo o contrario. A UE non quere guerra, non se mete nestes temas. Segundo, a UE ten diante a EE.UU e Canadá, por iso o eixo atlántico da UE ten un peso brutal. Un exemplo, Francia, con Burdeos, Bretaña, Normandía, logo temos os Países Baixos con Rotterdam, Alemaña e países do Báltico. O único país que non desenvolveu a parte do Atlántico foi España. Isto vén desde Franco, cando os seus ministros tecnócratas que eran cataláns fixeron a aposta polo Mediterráneo. Logo houbo unha política continuista porque no Mediterráneo está o voto.

-Mais ese desequilibrio pode corrixirse.
En España nin hai ordenamento do territorio nin hai política de cohesión, é pactar con quen sexa menos cando hai maiorías absolutas. Así, imaxina, tes dúas partes, unha con mercadoría vella e outra por onde entra mercadoría nova, onde invistes?, onde che dá máis diñeiro. Segues comprando para esa parte e a outra déixala abandonada. En Europa tes un coordinador do Atlántico e outro do Mediterráneo. En España só hai un coordinador do Mediterráneo e aínda non designou un coordinador do Atlántico, entón máis desprezo que ese xa me dirás. Un exemplo, en xaneiro de 2021 ábrense os fondos ConectaEuropa para corredores ferroviarios. E o corredor Mediterráneo, segundo dixo Ábalos, esperan telo listo para 2025. Ese ano os portos mediterráneos van levar por diante os portos galegos e os portugueses, que tamén están preocupados. O Mediterráneo poráse en moito menos tempo en Europa que o Atlántico. Tamén é público que dentro de ADIF hai un departamento só para proxectos no corredor Mediterráneo, mentres que o Atlántico non ten sequera plano director.

A UE ten diante a EE.UU e Canadá, por iso o eixo atlántico da UE ten un peso brutal

-Iso en que se traduce?
En que só se pedirán fondos para mantemento, chapa e pintura. Iso non é facer algo importante como son os cruzamentos, porque trens de 740 mentros necesitan aparcadoiros dun quilómetro. Iso haino en moi poucos sitios, por exemplo. Se vas levar un tren desas dimensións, aínda con dúas locomotoras, hai tramos complexos de subir, por tanto hai que facer variantes. A Xunta tamén ten parado o porto seco de Monforte e o de Salvaterra, competencia do Estado, non sei como está. A todo isto debes sumar a ampliación das plataformas, reducir curvas e facer variantes onde non sirva a infraestrutura actual.

-Vanse persoar diante de Sánchez ou Ábalos para exporlles todos estes puntos, ou xa é imposible?
Eles xa saben todo isto. Nós fixemos algo máis simple, pedirlles un plan director que non nolo deron, supoñemos que non o hai. Entón creamos un documento con elementos definidores do Corredor Atlántico. Nese documento analizouse tramo a tramo e os custes que leva poñelos en orde.  Foille enviado a Sánchez, Feijóo, Ábalos, voceiros parlamentarios, á presidenta de Adif que é galega e outras institucións como os concellos. Isto é para que eles saiban que nos o sabemos e viceversa. Todo para que non veñan con contos como o power-point, porque todo iso é unha mentira. Se o queren revater, que o fagan tecnicamente. Un exemplo, o porto de Ferrol, Ferrol-Ferrol, Ferrol-Betanzos, Coruña-Betanzos e Betanzos-Lugo-Monforte, para nós é un corredor, aínda que non se pode incluír no Corredor Atlántico ata o ano 2023. Aínda así nós o incluímos nos documentos e alegacións porque queremos que estea no corredor do ano 2023, tamén porque se non pode recibir fondos ConectaEuropa ata que sexa corredor, si pode recibir fondos  de reconstrución que non contabamos con eles. A min preocúpame que os portos teñan actividade e as empresas se asenten.

En España só hai un coordinador do Mediterráneo e aínda non designou un coordinador do Atlántico, entón máis desprezo que ese xa me dirás

-Están preparados os portos atlánticos para un tráfico como o que se demanda?
Os portos que temos de augas profundas teñen un valor estratéxico inmenso, porque os novos megabuques non teñen calado para os portos de abrigo que temos. Entón Ferrol e Coruña temos que conectalos, non van baixar a Vigo e logo subir as mercadorías a Ourense e Monforte que é unha loucura. Logo queremos lanzar unha campaña para a que xa temos o manifesto aprobado pola nosa comisión executiva e pola comisión executiva do CES, xa falamos coa FEGAMP e estamos pendentes de reunirnos con Feijóo. O que queremos é reunir todos os sectores sociais e de aquí a fin de ano, recoller un número de adhesións superior ao número de empresarios da foto de Alicante antes da pandemia. Nós temos que demostrar que se nos xuntamos podemos mostrar que somos máis de 5.000. Sen descartar a ninguén e deixarnos de lerias como as que existen entre empresarios dun lugar e doutro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Alienao

O plan director do corredor atlántico é fun polo vento, vín polo aire.

2 fUNa

Non fai falta "corredor atlantico", coa liña convencional Ourense-Zamora, que vai quedar sen uso, xa chega para leva-las mercancias a Europa e a Madrid.

1 Gamela

Un Secretario Xeral VITALICIO ? https://www.eixoatlantico.com/image... Que alguén me explique como se pode vivir do conto ETERNAMENTE ?

1 José

Mui interesante reflexión a sua.. Algún comentario sobre o titular da noticia? Ah, claro, iso é o de menos.

2 Gamela

Lamento que non chegues a comprender que cando os "responsables" de dinamizar os proxectos levan máis de 25 anos de cuchipanda en cuchipanda é prácticamente IMPOSIBLE que os tomemos en serio ! Mao pode dicir o que queira pero a estas alturas da película o seus crédito está AGOTADO ! Existe algo que se chama xubilación, pero en Vigo algúns pretenden chegar ao final da súa vida cobrando coma se fosen "productivos" cando está sobradamente demostrado que Nunca Serviron Para Nada Útil !!! Ad Hominen como Abel Caballero: digan o que digan só están a falar deles mesmos e dos seus intereses persoais! Polo tanto Non Hai Noticia !