Así están as UCIs galegas: denuncias de colapso polo “caos” dun Sergas que “non preparou a segunda vaga”

Os sanitarios denuncian falta de persoal, instalacións “obsoletas” e mesmo incumprimentos do protocolo do Ministerio. Segundo apuntan, o CHUAC está a usar unha UCI “insalubre” clausurada pola Inspección en 2017. En Santiago, a xerencia mestura persoal da UCI covid co da ‘limpa’. Mentres tanto, seguen subindo os ingresos: en Vigo están ó 100%.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

110. Son os pacientes con covid ingresados nas UCIs galegas, segundo os últimos datos do Sergas. Unha cifra á que a Consellería de Sanidade tentar quitar ferro pero que preocupa, e moito, ós sanitarios galegos.  En particular despois de que a comunidade acadara un máximo histórico de contaxios que só se está a reducir coa orde de Núñez Feijóo de non facer PCRs a contactos de positivos. Nestas circunstancias, os sanitarios das UCIs atópanse “indignados” contra un Sergas que “improvisa ao día” porque “non preparou a segunda vaga”.

Uci dun hospital con sanitario e paciente
Uci dun hospital con sanitario e paciente | Fonte: EP

O clima de descontento que percorre as unidades de críticos galegas vén de estalar no Clínico compostelán. Os sanitarios deste centro arrincaron este luns unha folga indefinida contra as múltiples “carencias” que veñen advertindo na xestión da Xerencia. Aínda que a folga será máis ben simbólica -non se prevé abandono dos postos de traballo- os profesionais do CHUS xa se mobilizaron contra “situación crítica” que se está a vivir na UCI. 

“Sáese do paso como se pode”, resume Xavier Alvedro, representante de CIG-Saúde, a respecto dunha situación cada vez máis “precaria”. Segundo destacan sindicalistas e sanitarios, a unidade de críticos está a sufrir unha “falta de previsión” da xerencia que cristaliza nunha carencia de recursos para atender aos pacientes ingresados "como se debe".

Esta problemática déixase ver, en primeiro lugar, no que Alvedro describe como “unha falta de persoal arrepiante”. A chegada da pandemia obrigou á Xerencia a distribuír os enfermos críticos en dúas estancias separadas, dando lugar, na práctica, a dúas UCIs. O conflito chega porque esta duplicación das unidades non foi acompañada por un incremento do persoal, como denuncia Rosa González, voceira do persoal sanitario desta unidade.

SEN PERSOAL DE RECAMBIO

A falta de man de traballo na UCI deixa ós enfermeiros que a atenden na corda frouxa, xa que non habería suplentes no caso de que algún deles tivese que coller a baixa. Esta circunstancia vén dada porque a Xerencia, di González, non preparou un cadro de persoal de cara á segunda vaga da pandemia. A enfermeira explica que, para paliar o déficit, “retiráronnos días libres e vacacións. Houbo moitos casos de chamadas á unha da mañá nun día libre para que viñeras á planta”, explica.

Protesta dos profesionais sanitarios da UCI de Adultos do Hospital Clínico de Santiago de Compostela.
Protesta dos profesionais sanitarios da UCI de Adultos do Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

O Sergas botou man deste recurso –manifestamente “ilegal” para a CIG- porque, como explican os sanitarios, un profesional da UCI non pode ser intercambiado por outro de planta. “As UCI contan cunha serie de elementos específicos, distintos ó resto do hospital”, describe Alvedro.  “Require un período de formación extenso que a Xerencia nin sequera comezou con xente nova”, espeta.

Neste panorama sen recambios, a Xerencia compostelá fai rotacións entre persoal das dúas UCIs -a limpa e a sucia-, nunha estratexia que contradí as recomendacións publicadas polo Ministerio de Sanidade xa no mes de marzo. O risco destes recambios é evidente, máis tendo en conta o estado de por si delicado dos ingresados na UCI limpa.

UCI “OBSOLETA” CO VIRUS CIRCULANDO POLO AIRE

A grosso modo, hai dúas clases de UCI no tocante á súa construción: as pechadas e as abertas. As primeiras contan cun cubículo ou barreira para tentar illar a cada paciente, mentres que as segundas, tamén chamadas sucias, non. A UCI do CHUS é sucia, unha cuestión que pon máis costa arriba o traballo dos sanitarios. Ao non dispoñer de cubículos, “o virus circula por todo o aire”, explica González, co que os sanitarios alí empregados teñen que estar “ata 11 horas” co EPI posto.

As condicións fanse así moito máis duras. “Non aguantas tantas horas con el. Tentas non beber para non ter que ir ó servizo, porque tes sacar todo o traxe, pero así deshidrátaste pola calor que fai”, relata González. Á fin da primeira ola, os sanitarios do CHUS presionaron para pedir unha reforma á que a Xerencia se rematou comprometendo a mediados do mes de xuño. Con todo, a día de hoxe, as cousas seguen coma antes: “a UCI estivo completamente pechada en xullo pero non se fixo nada”, explica González.

A Xerencia escúsase subliñando que non atopou ningunha empresa que se comprometera a facer as obras no tempo disposto. Con todo, Alvedro non ve xustificación para abandonar unha obra que debía estar rematada o 30 de setembro: “dá a entender que dixeron ‘imos firmar porque hai eleccións e para calarvos a boca e ter un verán tranquilo, pero sen solucionar o tema’”.

A CORUÑA, CUNHA UCI “CLAUSURADA” POLA INSPECCIÓN

A problemática da Coruña non está tanto no persoal senón nos espazos. Ante o aumento da presión asistencial, o CHUAC decidiu habilitar dúas zonas de quirófano para empregalos como UCI. Segundo a CIG, esta unidade improvisada foi atendida -xa na primeira ola- con persoal con contratos temporais, “de un mes ou 15 días”, circunstancia que para Lucía Peón -de CIG Saúde- vai en detrimento da calidade asistencial. “Nunha unidade nova podes non saber onde están as cousas, non contas con persoal fixo que te oriente...”.

A necesidade de máis espazos, por outro lado, obrigou á xerencia a destinar pacientes á antiga unidade de críticos 5B, que debía estar clausurada dende 2017 por un problema de ventilación, de acordo cun informe Inspección de Traballo. O sindicato levou esta circunstancia á Fiscalía e a propia Inspección, ante o cal o CHUAC está comezando a baleirala. Peón cifra nuns dez días o tempo que estivo ocupada.

BAÑOS COMPARTIDOS CON ZONAS ‘LIMPAS’

"É insalubre", explican sobre a UCI "clasurada" do CHUS

Unha sanitaria de críticos que prefire non dar o seu nome por temor a represalias pon os detalles sobre a UCI “clausurada”. Ao parecer, o CHUS decidiu reabrir a unidade “por sorpresa” e “sen dar explicacións” logo de declinar empregala en marzo. As deficiencias, porén, persisten, xa que non foi reformada dende entón. “É insalubre -describe a sanitaria-. Durante 20 anos foise tirando con ela, pero as instalacións están obsoletas”.

O problema da UCI 5B é o mesmo que a de Santiago: está construída en aberto. Por iso a sanitaria do CHUS sinala que “non vale” para pacientes covid, que deben estar en illamento respiratorio.  “É un cadrado de aproximadamente 80m2 totalmente aberto, sen separación entre paciente e sanitario”, unha circunstancia que os obriga a portar o EPI durante 11 horas, “sen poder sequera ir ó baño”.

E no baño está un dos puntos negros da xestión da Xerencia coruñesa. E é que, segundo revela esta sanitaria, os sanitarios desta UCI “precaria e obsoleta” comparten aseo cos profesionais de unidades de críticos “limpas”, é dicir, de pacientes non covid. “Imos ó baño e logo vai un sanitario que está atendendo transplantados en reanimación, por exemplo”.

Neste aspecto, esta profesional do CHUS carga con firmeza contra a xestión do CHUAC. “A xerencia só di ‘é  o que hai’”, explica. “Impón decisións ser ter en conta ós profesionais: que non nos negamos a atender ós pacientes covid, só estamos a dicir que ese non é un espazo óptimo”. Ao igual que a súa colega de Santiago, a sanitaria do CHUAC acusa ó Sergas de non se ter preparado para o regreso do virus: “a segunda vaga parece máis ben a primeira, porque a planificación brilla pola súa ausencia. Van ao día”.

VIGO, AO 100% DA SÚA CAPACIDADE

A circunstancia na área sanitaria de Vigo, actualmente á cabeza da pandemia en Galicia, preséntase especialmente escura. De acordo coa agrupación de CIG-Saúde da cidade, a UCI sucia do Álvaro Cunqueiro está xa ó 100% da súa ocupación. Ante esta situación de desborde, a Xerencia vén de habilitar a Unidade de Reanimación contigua para novos pacientes, un recurso do que xa se tirou na primeira vaga.

A diferenza dalgunhas das salas recollidas nesta reportaxe, a UCI sucia da CHUVI si conta con cubículos diferenciados para cada paciente. Iso si, na unidade de críticos volven saír a relucir os contratos brevísimos xa denunciados por sindicatos e sanitarios doutras áreas. “Hai persoas que levan traballando un ano na UCI con contratos de 15 días”, apuntan dende a CIG, que carga fortemente contra este modelo: “ao non ter contratos longos, os sanitarios non poden acumular días libres, e nunha profesión como esta o descanso é moi necesario”.

AS CONSECUENCIAS DOS CONTRATOS POR SEMANAS

A “precariedade” dos contratos do Sergas, xa analizada por GC uns meses atrás, sería tamén responsable da carencia de persoal que hoxe atravesa a UCI viguesa. Segundo informa o sindicato, a unidade de críticos sofre uns ratios “moi mellorables” de sanitario-paciente porque “non hai profesionais de enfermaría dispoñibles”. “Moitos deles marchan para outras zonas ou mesmo collen calquera traballo que lles dea a estabilidade que aquí non hai”.

O mesmo pasa en Compostela. Alí, González vencella a “escaseza de persoal” ás políticas de “recortes e contratos precarios” sostidas durante anos. “A xente, ante este maltrato, atopou mellores ofertas noutras áreas sanitarias, comunidades autonómonas ou mesmo países”. “Non fai moito tempo a xente marchaba para Alemaña ou Inglaterra porque eran contratos dignos; non de dous días, que che impiden conciliar”. “A xente marchou, e agora que é necesaria non hai. Deixárona marchar”, espeta.

Galicia, na barreira dos 100 críticos ingresados, ten a profesionais da enfermaría como Rosa González, que lamenta que o “machaque” constante das autoridades estea a sumar un plus de estrés á presión da pandemia. “A xente está moi cansada, física e psicoloxicamente. Vémolo negro”, dispara Rosa. “Vémolo moi negro”.

SEN RESPOSTA DO SERGAS

Galicia Confidencial tentou contactar ata en tres ocasións co Servizo Galego de Saúde para tentar corroborar as denuncias realizadas por sanitarios e sindicatos. Porén, na xornada de publicación desta reportaxe, o Sergas non ofreceu aínda resposta algunha á versión dos feitos ofrecida polas fontes aquí recollidas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Santi Triñanes

Hai que acabar coa incompetencia na política. Se os funcionarios deben demostrar a súa valía para ocupar un posto os polìticos tamén.