Que pasa con Alberta I, un dos proxectos mineiros de litio máis grandes de Galicia?

Alberta I é un proxecto mineiro para extraer litio que afectaría a varios concellos de Ourense e Pontevedra. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil emitiu un informe negativo polo forte impacto da explotación sobre os acuíferos da zona. En 2013, segundo Ecoloxistas en Acción, a primeira tentativa de explotación fora denegada pola existencia de minerais radioactivos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 21/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O proxecto Alberta I afectaría a concellos como Forcarei, Avión e Beariz. O obxectivo é a extracción de litio, mineral básico para a telefonía móbil, as baterías dos vehículos eléctricos e outros usos. A apertura desta explotación faríase en diversas fases e afectaría a 1.500 hectáreas distribuídas en 20 quilómetros de lonxitude. O primeiro intento de explotación foi en 2013, logo de iniciarse as prospeccións apenas unha década antes, entre 2006 e 2008 segundo fontes do Concello de Avión. Mais  a Sociedade de Historia Natural de Galicia e o  Instituto Geológico y Minero de España,  alertaron dos perigos desta acción, o  motivo era a presenza de material radiactivo que podería contaminar aire e auga en caso de abrir o xacemento.

Mina de Varilongo en Santa Comba
Mina de Varilongo en Santa Comba | Fonte: Petón do Lobo

UN LUGAR AFASTADO

Segundo Ecoloxistas en Acción, sobre os terreos que se pretendía levar adiante o proxecto Alberta I, non houbera anteriormente ningunha actividade extractiva. O que sospeitan desde este grupo ecoloxista é que “pediron a concesión, o dereito de explotación, por ser un lugar afastado onde vive moi pouca xente”. Os traballos extractivos buscarían litio aínda que parello a este mineral están tamén o coltán e outros minerais escasos e con valor para a industria tecnolóxica.

Apenas se sabía nada do proxecto, só que a empresa concesionaria era Recursos Minerales de Galicia, con explotacións na Mariña lucense. Anteriormente, a concesión para explorar os posibles xacementos de litio estiveron en propiedade de Solid Resouces ata o verán de 2020, eses dereitos foron mercados por Recursos Minerales, unha empresa cualificada como “pantalla” da empresa nodriza SAMCA (SA Minero Catalano Aragonesa). SAMCA foi durante moito tempo a fornecedora de carbón para a central térmica de Andorra (Teruel) ata que Endesa pechou a térmica.

O investimento de Recursos Minerales de Galicia/SAMCA dentro da área de Alberta I prevía comezar os primeiros traballos en “Coto Tocayo”, ao pé dos lugares de Doade, Acevedo e Rubillón, en Ourense. A sorpresa chegou cando a Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS) emitiu un informe negativo en relación ao impacto que tería a mina sobre os acuíferos da zona.

Mina de Varilongo en Santa Comba
Mina de Varilongo en Santa Comba | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Desde a CHMS algeouse, entre outros motivos que segundo a documentación presentada, tanto as galerías de explotación, como as instalacións en superficie e depósito de entullos inicial do Coto Tocayo, “situaríanse en zona de afección de canles fluviais (dominio público, zona de servidume e zona de policía), afectando á zona de protección de dous ríos e sete canles fluviais innominados”.

Máis aínda, a Confederación lembra que o artigo 32 do Plan Hidrolóxico vixente establece no seu apartado 1 que “Calquera actividade mineira desenvolverase fóra do dominio público hidráulico, zona de servidume e zona de policía de augas, salvo xustificación técnica motivada”. Finalmente, por parte dos servicios técnicos da CHMS entendeuse que, en función da documentación aportada, o proxecto de explotación sería incompatible coa normativa do Plan Hidrolóxico da parte española da demarcación hidrográfica do Miño-Sil polo que se informou desfavorablemente.

SEN INFORME MEDIOAMBIENTAL

O informe da CHMS fixo que as autoridades galegas denegasen a explotación no lugar previsto. A isto sumouse a denuncia de Ecoloxistas en Acción e outros colectivos ambientalistas, de que o proxecto mineiro carecía do respectivo informe de impacto ambiental. “Cando nesta explotación subterránea se dan todas e cada unha das circunstancias que obrigan a facer dita avaliación”.

Desde a organización ecoloxista aseguran que apercibiron á Xefa do Servizo de Enerxía e Minas e ao Xefe da Sección de Avaliación Ambiental para que “rectificasen o seu informe e engadiran a esixencia da realización do procedimento de evaluación de impacto ambiental”. A falta deste informe podería levar a accións legais e posible delito de prevaricación.

Todo isto sucedía durante o mes de agosto de 2020. En novembro de 2020 saltaba outra noticia en relación á mesma mina. Os prezos do litio caían en bolsa e o mercado xa non facía tan rendibles os traballos mineiros. Non obstante, as variacións no mercado de valores teñen consecuencias como que “poden volver en calquera momento e abrir en calquera lugar”.

A mina de litio que afectaría a Beariz, Avión, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Forcarei acaba de sufrir dous golpes, un por parte da administración e outro por parte da bolsa. Existe outro  proxecto, Alberta II, no concello de Avión, que pertencía a Strategic Minerals Spain (que explota a mina de coltán de Ourense) e agora está baixo a propiedade da canadiana Supreme Metals.

O temor dos movementos ecoloxistas é que a persistencia das empresas acabe por facer ceder ás autoridades, abrindo así unha explotación mineira que, segundo din os colectivos ambientalistas a SHNG e o Instituto Geológico y Minero de España, podería ter minerais radiactivos, con consecuencias descoñecidas tanto para o medioambiente como as persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Dgdf

As explotacións a ceo aberto teñen que ser prohibidas, e substituidas por minas subterraneas, non é lóxico que destruan o territorio por un negocio particular.

1 Casual

Agora repasemos grandes incendios forestais de hai uns anos para atopar a coincidencia coas zonas nas que queren sacar litio.