GC Aberto

Lei Celaá: Amoreando desatinos

A nova lei - LOMLOE- nace en clave de derrogación, que farase efectiva en canto cambie a cor política do Goberno, como leva ocorrendo coas leis educativas que lle antecederon, por falta da consumación dun pacto de Estado que necesita a educación en España para a súa estabilidade.

Por galdo1950 (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/) | GC ABERTO | 24/11/2020

Comparte esta noticia

A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, durante a súa intervención nunha sesión de control ao Goberno no Senado, en Madrid (España) a 14 de xullo de 2020. Con este pleno, a Cámara Alta dará por terminada a súa actividade parlamentar. EUROPA PRESS
A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, durante a súa intervención nunha sesión de control ao Goberno no Senado, en Madrid (España) a 14 de xullo de 2020. Con este pleno, a Cámara Alta dará por terminada a súa actividade parlamentar. EUROPA PRESS | Fonte: J. Hellín. POOL - Europa Press


A  Constitución de 1978  é quen regula desde a súa aprobación o sistema educativo español e as correspondentes leis orgánicas que se sucederon durante as últimas décadas. 

A primeira Lei plenamente en democracia foi a Lei Orgánica Reguladora do Estatuto de Centros Escolares, ( LOECE), 1980,elaborada polo goberno de Suárez coa flamante   Carta Magna  como referente de redacción, aínda que a pedimento dun recurso do PSOE o Tribunal Constitucional  sentenciou que  o seu contido debía ser revisado de forma  substancial, pero os sucesos  do golpe de estado do 23- F en primeira instancia e   o posterior  triunfo de Felipe González  paralizaron  a revisión ditada, sendo por iso que xamais entrou  en vigor, prorrogándose  así en aplicación   a Lei Xeral de Educación, ( LGE), 1970. que fóra aprobada en pleno o réxime franquista.

É en 1984 cando o primeiro  Goberno do PSOE  desde outra  percepción ideolóxica tramitou  a Lei Orgánica do Dereito á Educación ( LODE), tamén  acompañada  na súa aprobación por unha forte refrega parlamentaria e a intervención do Constitucional,  que desestimou o recurso presentado por Alianza Popular, pero que aínda así retardou en máis dun ano  a súa entrada en vigor que produciu efecto  en xullo  de 1985.

A Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo ( LOGSE) de 1990, ademais  de poñer punto final  á  LGE de 1970, outorgou especial  protagonismo ás comunidades autónomas ao permitirlles redactar un significativo  volume dos temarios educativos, ademais de adaptar a educación a un modelo máis  tecnolóxico. Sendo con este marco normativo  cando se establecen as pautas para a subvención dos colexios privados con suxeición aos principios constitucionais, garantía de neutralidade ideolóxica e respecto das opcións relixiosas e morais. Podendo afirmarse que o seu contido supuxo o cambio máis profundo do ensino  durante a democracia, manténdose vixente na actualidade  a súa estrutura de cursos e etapas, contando para a súa aprobación ademais de co apoio  socialistas cos  votos  da minoría catalá. 

A posterior  Lei Orgánica de Calidade da Educación (LOCE), de 2002, promovida polo Goberno de Aznar non tocaba a estrutura  da súa predecesora pero si modificaba aspectos que a entender dos  populares lastraban a calidade do ensino, foi aprobada en decembro de 2002 cos únicos votos favorables do PP e de Coalición Canaria, pero o certo é que o feito de tramitarse na recta final da segunda lexislatura dos populares fixo que nunca entrase  en vigor ao ser derrogada por un Real Decreto Lei do Goberno de Zapatero.

Foi sucedida pola Lei Orgánica de Educación, (LOE), 2006, con Zapatero á fronte do Executivo  traendo  consigo a polémica coa educación para a cidadanía,  unha materia  que desde as filas populares foi  percibida  como a utilización do Estado, como  adoctrinador na moral dos estudantes, de igual modo que a condición  optativa da relixión por ser outro dos aspectos  discordantes que causaron gran balbordo. Con todo aquela lei foi referendada  no  2006 pola maioría dos grupos parlamentarios  a excepción do PP que votou en contra  e CiU, que se abstivo.

Coa nova  chegada do PP ao Goberno en 2011,  o que en principio anunciouse como unha reforma parcial da (LOE), finalmente transformouse   nun cambio de gran calado  a través da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa  (LOMCE), 2013 que recuperou  gran parte da frustrada (LOCE) de Aznar restablecendo a Relixión como avaliable do mesmo xeito que a eliminación  como materias da Educación para a Cidadanía e Ciencias para o Mundo Contemporánea; privilexiando á escola concertada, ata o extremo de facultar a cesión de chan público para construír centros privados subvencionados. Unha lei que  foi aprobada no Congreso sen ningún voto da oposición a favor.

 

Lei Orgánica de modificación de LOEA ( LOMLOE) 2020, é a oitava norma deste tipo desde 1980 e a quinta impulsada por un presidente socialista, sendo a súa finalidade primordial a  derrogación da LOMCE, para así converter a educación pública no eixo  vertebrador do sistema, ao tempo de deixar sen efecto as excedidas  concesións que  o marco normativo anterior outorgaba  ao ensino concertado. Cun só un voto por encima da maioría absoluta foi  apoiada polo PSOE, Unidas Podemos, Máis País,  Compromís, Nova Canarias, ERC e o PNV.

O feito que derrogue a LOMCE, é dicir, a última lei orgánica de Educación aprobada polo Partido Popular en 2013, pode dar a entender  que  a nova norma «mellora o marco educativo», pero non din o mesmo os seus aspectos negativos  como a carencia  de diálogo e consenso coa comunidade educativa, así como  a eliminación da norma que lexislaba o sistema educativo.

Mal imos ao repetir  desde a Transición idéntico erro,  suplindo o necesario consenso por un  novo proceso de desquite  político, que impide   sentar as bases do que debese ser unha reforma profunda e global que require  a educación en España, para así poder  dotala da estabilidade normativa e a  perdurabilidade que necesita.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta