Sanidade di que o expediente ao xinecólogo de Verín parte da denuncia dunha pediatra e non afecta o servizo

BNG e PSdeG piden a súa paralización por considerar que responde a unha "vinganza"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/11/2020 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que o expediente iniciado contra o xinecólogo que encabezou a protesta contra o peche do paritorio no Hospital de Verín, Javier Castrillo, parte da denuncia dunha pediatra e "non afectará o servizo". Na súa comparecencia durante o pleno da Cámara, o titular de Sanidade explicou que hai un proceso administrativo aberto derivado da denuncia desta especialista por considerar que non lle deu un trato "adecuado" ante unha familia.

As matronas protestan contra do peche do paritorio de Verín
As matronas protestan contra do peche do paritorio de Verín | Fonte: Europa Press - Arquivo.

"O Sergas ten para ese efecto mecanismos de inspección independentes e contrastados en máis de 25 anos de historia que, con rigor, método e garantías, resolven estas situacións", manifestou.

Segundo indicou, o proceso iniciouse en decembro do ano pasado, solicitouse a documentación correspondente e efectuáronse entrevistas con todas as partes. "A inspección traslada agora, o 5 de novembro, envíao seguindo estritamente o proceso administrativo habitual", indicou.

Neste punto, sinalou que o doutor Castrillo poderá facer, no seu momento, as alegacións que estime oportunas. Ademais, destacou que o proceso proporciona todas as garantías ás partes, é administrativo e non afecta nin afectará o servizo que se dá á poboación.

O conselleiro asegurou que a situación no paritorio de Verín nestes momentos "está normalizada" e que "todo funciona adecuadamente". "O Servizo Galego de Saúde segue contando con todos os profesionais e recoñece o seu traballo", indicou.

A OPOSICIÓN PIDE A PARALIZACIÓN

O asunto tamén foi abordado polos grupos da oposición. Así, en primeiro lugar, o deputado do PSdeG Julio Torrado considerou que este expediente responde a unha "purga", a unha "vendetta". "Páreo, porque é insoportable", reclamou.

Pola súa banda, a parlamentaria do BNG Montse Prado sostivo que, "por moito" que o conselleiro trate de "darlle mero carácter administrativo" ao expediente, "non oculta a realidade" xa que "nin todas as denuncias se inspeccionan, nin todas acaban en expediente".

"Non teñen ningunha xustificación para incoalo máis aló da vinganza por defender os dereitos das mulleres a partir no hospital de Verín", manifestou para esixir que, "como máximo responsable" da sanidade galega "paralice" este expediente.

En fronte, a parlamentaria popular Encarna Amigo subliñou que "quen decide, unha vez que o neno nace" é a pediatra. "A pediatra pon unha denuncia E que pasa, agóchase? Non, o Sergas ten que defender a todos os profesionais, outra cousa sería escondela e non falar máis", considerou.

FEITOS

Segundo explicou o propio Castrillo, a actuación pola que se lle incoa o expediente remóntase ao 30 de novembro de 2019, xornada na que naceu o que, en principio, estaba chamado a ser o último neno que nacería no centro sanitario comarcal.

Castrillo sostivo que o neno naceu "sen complicacións nin ningún problema" e sinalou que as matronas ratificaron que así era, pero a pediatra de garda recomendou que "se derivase ao neno a Ourense", topándose coa oposición do xefe de Xinecoloxía, por non ver razón para iso.

Finalmente, o bebé acabou sendo trasladado, pero o Sergas notifica agora un expediente ao xinécologo, segundo a súa versión, por contravenir a decisión doutra profesional, neste caso a pediatra, o que considera unha falta "grave".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta