A sanidade privada galega reclama 60 millóns polas perdas derivadas do estado de alarma

Argumentan que padeceron unha "intervención forzosa" e lembran que Galicia recibiu fondos para gasto sanitario.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 25/11/2020 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

Os hospitais privados de Galicia presentarán reclamacións ante a Xunta e o Goberno central para demandar compensacións polas perdas derivadas do estado de alarma, que estiman en 60 millóns de euros, ao ser declarados servizo esencial e non poder adoptar medidas como, por exemplo, os ERTE, a pesar do descenso da súa actividade "nun 80%".

Así o trasladaron a Europa Press fontes de AHOSGAL, a Asociación de Hospitais Privados de Galicia, que precisaron que o primeiro paso nesta reclamación será a elaboración dun informe forense independente, que podería estar listo en catro ou cinco semanas, que determine as perdas que sufriron os centros sanitarios privados como consecuencia do descenso da súa actividade.

No entanto, e facendo a comparación co mesmo período do ano pasado, AHOSGAL (que aglutina a todos os centros privados que teñen concerto co Sergas) estima que, durante o estado de alarma en Galicia (unhas 12 semanas), o total destes hospitais tiveron unhas "perdas" de ao redor de 5 millóns de euros cada semana, ata uns 60 millóns de euros en total.

As mesmas fontes lembraron que, nesa situación excepcional, estes centros sanitarios privados foron declarados servizos esenciais e, aínda que a súa actividade "baixou un 80 por cento", tiveron que manter os seus persoais e non puideron aplicar medidas como os ERTE. "Os hospitais privados tiveron unha intervención forzosa. Estiveron intervidos e a plena disposición do Sergas", incidiron.

Por todo iso, reclamarán á administración autonómica e á central, porque "ambas teñen responsabilidade polos danos e prexuízos" durante ese período, e lembraron que a propia Consellería de Sanidade emitiu unha orde "na que se recomendaba suspender a actividade programada non urxente".

En caso de non prosperar a vía administrativa, aseguraron, acudirán aos tribunais porque, segundo recoñece a propia lei orgánica que regula os estados de alarma, a administración debe responder os prexuízos que se causen a particulares derivados desa situación.

FONDO COVID

Os hospitais privados de Galicia remitiron en maio pasado unha carta á Consellería de Sanidade, que entón dirixía Jesús Vázquez Almuíña, na que xa pedían unha compensación polas perdas. Nese momento, o xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa, respondeu a AHOSGAL que a Xunta apoiaría o sector na súa reclamación "ante o Goberno central, que foi o que decretou o estado de alarma".

"Pero a situación cambiou en xuño, co decreto que establece o fondo COVID", apuntaron fontes da Asociación, que lembraron que, en virtude dese decreto, se establecía un fondo de 6.000 millóns de euros para repartir entre as Comunidades Autónomas, do que "a Galicia lle correspondían 268 millóns dun primeiro tramo para gastos sanitarios".

Esta organización lamentou "profundamente" que o goberno galego "non tivo interese" por resolver a situación da sanidade privada, un interese que si mostrou para apoiar a outros sectores, como a hostalaría ou o sector do xogo. De feito, apostilou, noutras Comunidades Autónomas, como Cataluña ou Navarra si se compensou a estes hospitais.

Segundo sinalou AHOSGAL, os hospitais privados galegos xeran 4.300 empregos directos e facturaron en 2018 (últimos datos dispoñibles) 326 millóns, pero os beneficios empresariais reducíronse ao 0,6 por cento debido, entre outros factores, ao importante índice de gasto en persoal (supón un 57 %).

En 2020, ademais das perdas pola pandemia, precisaron, a actividade non regresou a niveis normais nin sequera despois do estado de alarma da pasada primavera. A ese respecto, afirmaron que, desde o levantamento desa situación excepcional, a actividade nestes hospitais baixou "un 50 %".

Un monitor situado fronte ao control de Enfermaría reflicte as constantes vitais de todos os pacientes ingresados en Urxencias. HOSPITAL POVISA
Un monitor situado fronte ao control de Enfermaría reflicte as constantes vitais de todos os pacientes ingresados en Urxencias. HOSPITAL POVISA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta