A contumacia dun milhomes contra a cerellada doutros catro

“Don Celidonio é igual por dentro que por fóra: carne e espírito son a mesma zorza, misturada e revolta, co mesmo adubo de ourego e pemento”. (Vicente Risco, O porco de pé).

Por Xosé Antón Jardón | Ourense | 26/11/2020

Comparte esta noticia
Uns anos antes de que o meu tío Lisardo puxera os pés no Cono Sur do continente americano −e xa van alá máis de cincuenta− cando el aínda gozaba da forza do boi e nós do xenio dun almallo bravo, malia a sona de truán que lle apoñían, houbo alomenos unha ocasión na que, ao pouco de asomar o Sol o fociño, xa empoleirara no carro máis de setenta gavelas de estrume, logo de desbravar a sebe dun lameiro, co único fin de expatriar a praga de xestas, silvas, codesos e fentos, confabulados para eclipsar a necesaria presenza e afouteza dos correúdos vixías que, nesa ocasión, adoptaran o aspecto das lousas dun esvelto valado. 
Para axuadrlle ao meu tío a atar a carrada, presentámonos alí outros tres lacoeiros.
 
Os berros que dabamos ao turrar do sedeño eran tan potentes e resoantes que parecían os estrondos dos barrenos; como cando os canteiros lle rebentan as entrañas ás penedas. Mira se eran inmensos que por veces chegaron a lle espantar a xugada a un fulano, que pretendía decruar unha leira absolutamente descoidada. O tal, moi atufado por aquela garulada innecesaria, a escape mostrou as malas pulgas que lle aformigaban as tripas: «Parade de berrar, me cago na tose, que ides perder pola boca a pouca forza que herdastes!». 
 
A ningún dos catro brégolas nos chistou nada aquela reprimenda, tan fanfarrona e despectiva, e moito menos vindo de quen viña: un tipo que nin era un Sansón, nin nada de nada. Máis che digo, os que andaban esterroando canda el, axiña mudaron de parecer para pasarse ao noso bando. Claro que lle deberían estar agradecidos ao amo, e talvez fosen uns tunantes, uns deses que van cos da feira e veñen cos do mercado; mais, unha cousa non ten que ver coa outra. Agora son colegas nosos e conto acabado!
 
Para disimular a nosa evidente frouxidade había que pararlle os pés a aquel tocagüevos do nabo. E, meu dito meu feito, entre os catro agarrámonos á mellor arma que tiñamos: a labia. Así que, sen perder un só instante puxémonos a refungar, alardeando da nosa falaz valentía, ata o extremo de ameazar ao insolente que termaba a aguillada con zouparlle un couce alí onde as costas perden o nome, e mandalo ás quimbambas. As nosas trécolas alcanzaron tal volume e intensidade que mesmo chegamos a presentir que o paxaro estaba a piques de arrepiarse. Mais, non. Non fomos quen de asustalo. Ao contrario, púxose cada vez máis farruco e fomos nós os que non tardamos en engruñarnos. E iso que eramos catro! Que máis terán catro ca vinte e catro? 
 
Pois iso, a medida que se aproximaba o mediodía, as nosas lerias baratas íanse esvaecendo, por mor dun vento bravo, gurrón e adoecido, semellante ao que fai bailar as follas mortas no outono, ata obrigalas a agocharse en calquera recuncho, onde han de agardar talmente taciturnas a que chegue o inverno ansioso de  engulilas dunha asentada ou mastigalas lentamente.  
 
[O meu tío Lisardo quere dedicarlle este relato aos líderes da actual oposición no concello de Ourense, os mellores fabricantes da abulia colectiva, doutorados en destituír Jácomes −ou en cazar biosbardos, que vén sendo o mesmo− e en escornarse contra as súas propias palabras, facéndonos crer que con semellante actitude acabarán derrubando o encoro de Velle, para liberar do cativerio as malpocadas augas Miño].

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, fai balance dos 100 días de goberno.. EUROPA PRESS - Arquivo
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, fai balance dos 100 días de goberno.. EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.