800 citas de negocio pensando na reactivación turística

O Workshop especializado en turismo de saúde e benestar organizado por Termatalia en Expourense congregou a 30 operadores de turismo internacionais. Trátase da primeira bolsa de contratación turística que se celebra en formato híbrido con reunións b2b de forma presencial, híbrida entre presencial e virtual ou directamente virtual.

Por X.M. Fernández | Ourense | 27/11/2020 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

O foro de comecialización turística que promoveu Termatalia -Feira Internacional de Turismo Termal- concluíu coa realización de 800 citas de negocio nas que se lle deu forma á oferta en turismo de saúde que se comercializará en 2021 no momento da reactivación turística.

Participante no workshop que organizaba Termatalia. Foto: Prensa Expourense
Participante no workshop que organizaba Termatalia. Foto: Prensa Expourense

Trátase da primeira bolsa de contratación turística que se celebra en formato híbrido con reunións b2b de forma presencial, híbrida entre presencial e virtual ou directamente virtual. O obxectivo deste workshop foi contribuír a reunir á cadea de valor da comercialización, para deseñar novas ofertas fronte ao vindeiro ano 2021 buscando a colaboración entre as diferentes empresas para atopar sinerxias que axuden a afrontar a incerteza que vive o Turismo nestes momentos.

Esta actividade puxo en contacto á oferta e á demanda en turismo de saúde de destinos como Galicia, Estremadura, Murcia, Portugal e Arxentina. Os operadores de turismo que participaron no workshop e que procedían de 6 países (España, Arxentina, Alemaña, Perú, Colombia e Brasil) reuníronse con empresas galegas que comercializan produtos de calidade baseados na saúde e o benestar como poden ser os balnearios, centros de talasoterapia, axencias de viaxes de receptivo, hoteis e tamén con guías especializados, adegas, casas e experiencias de turismo rural, ademais da oferta complementaria.

Os operadores de turismo participantes neste workshop ven no turismo de saúde moitas posibilidades no contexto actual, xa que se trata dun sector no que prima a especialización, a segmentación e a seguridade; que conxuga á perfección con outros produtos como o turismo rural ou de natureza e que está integrada na oferta de turismo de proximidade que nestes momentos é o que solicita o turista.

Organizadores e operadores turísticos están convencidos de que no contexto actual de crise sanitaria, o turismo de saúde sairá reforzado xa que os turistas cada vez preocuparanse máis por procurar destinos que ao mesmo tempo que un período de descanso e goce, póidalles servir para contribuír a levar un estilo de vida saudable e preventivo.

A quincena de operadores de turismo que participaron de forma presencial neste workshop desprazáronse ata Expourense desde distintas partes de España tamén gozaron dunha actividade complementaria, a visita a distintos puntos de interese do Xeodestino Ribeiro O Carballiño, na provincia de Ourense.

Este workshop contou co apoio principal de Turismo de Galicia ao que se sumaron Turismo da Rexión de Estremadura, Turismo da Región de Murcia a través do Agrupación industrial Costa Cálida Cares, Turismo Porto e Norte de Portugal, o Instituto de Promoción Turística de Arxentina –INPROTUR-, e o Xeodestino Ribeiro O Carballiño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta