Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2020 | Actualizada ás 22:20
Intensifícanse as críticas ao modelo de produción de enerxía eólica da Xunta de Galicia. Ecoloxistas en acción vén de cargar contra a política de “acumulación incontrolada de parques” cun caso que se suma ás demandas impulsadas nas últimas semanas por asociacións do rural, plataformas ecoloxistas e partidos políticos. Como en casos anteriores, a organización verde destacan os “efectos e impactos” destes aeroxeradores sobre a fauna, a flora e a propia “saúde” dos veciños ao estar “á beira” de pequenos núcleos de poboación.
A problemática desta acumulación, explican dende Ecoloxistas en Acción, atópase na “multiplicación” do efecto ambiental evidente que provocan esta clase de explotacións. Segundo destaca a formación, a devandita “acumulación incontrolada” implica que os efectos e impactos rematen, do mesmo xeito, “acumulados e sobredimensionados”; unha sinerxia negativa que “non está correctamente avaliado en detalle”. A isto, explican, habería que engadir as liñas de alta tensión e de evacuación “previstas e en funcionamento”.
As complicacións derivadas desta política de “acumulación” que tan criticada está a ser nas últimas semanas déixase entrever na parroquia de Banzas, unha pequena localidade da Serra de Outes pertencente ao concello de Noia. De acordo con cálculos da Ecoloxistas en Acción, os “case 3.000” veciños de Banzas e a súa contorna sufrirán os perxuízos de 7 parques eólicos nun radio de menos de 5 kilómetros.
Esta situación daráse no caso de que os plans da Xunta para construír 6 novos parques eólicos nesta contorna se leven a cabo. Segundo destacan, a só 4.332 metros do proxecto eólico de Banzas alzaríase o de Sancosmeiro. Un pouco máis preto, a penas 3km, estaría o Alvite I, e a case 5km o Alvite II. O proxecto eólico Outes atoparíase a 1.836 metros, a 2.954 o da Picota e a só 938 a explotación Serra de Outes, que como o parque Corzán (a 2.972 metros) xa se atopa en funcionamento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.