A "letra pequena" que impide que moitos cobren as axudas a autónomos da Xunta

O Goberno de Feijóo informa de que se pagarán entre 1.200 e 2.000 euros pero para poder cobrar esa cantidade é preciso cumprir unhas condicións moi precisas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2020 | Actualizada ás 11:22

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia publica este venres as ordes de axudas para microempresas, autónomos a cargo e hostalaría que faltaban por activar e que forman parte do plan de rescate para estes colectivos no marco da crise económica derivada da pandemia. Con todo, a situación actual fai que tanto a Xunta como o Goberno central teñan activadas distintos tipos de axuda, con distintos requisitos, o que provoca que autónomos, hosteleiras e pequenas empresarias teñan dificultades para entendelas.

Un camareiro protexe o seu establecemento á hora do peche polas medidas ordenadas pola crise do Covid-19, en Santiago de Compostela, Galicia, (España), a 6 de novembro.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Un camareiro protexe o seu establecemento á hora do peche polas medidas ordenadas pola crise do Covid-19, en Santiago de Compostela, Galicia, (España), a 6 de novembro.. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

De feito, nunha das ordes do Goberno central, os autónomos e pequenos empresarios teñen que acreditar descensos na súa facturación de máis do 75% e, sobre todo, ter a persoal en ERTE. Condicións que moi poucos poden acreditar e que "están saturando de consultas" ás xestorías que buscan o xeito de encaixar estas axudas, tal e como puido confirmar Galicia Confidencial, tras consultar a dúas destas empresas.

A nova orde de axudas da Xunta, dotada con 84 millóns de euros, entra en vigor este sábado, tras o paso previo da publicación este venres no DOG. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves esta medida tras lembrar que o prazo para solicitar a primeira das liñas de axudas, a dirixida a persoas autónomas con ou sen empregados, de entre 1.200 e 2.000 euros, xa se abriu a semana pasada e para ela recibíronse 17.009 solicitudes que xa teñen comprometidos 21 millóns de euros.

A nova orde de axudas especifica que son compatibles coa primeira liña de subvencións habilitada pola Xunta, así como con calquera outra axuda das administracións públicas. O prazo máximo para resolver e notificar é dun mes, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

BENEFICIARIAS

Deste xeito, a partir deste sábado e ata o próximo 28 de decembro poderanse solicitar estas axudas, das que se poderán beneficiar microempresas e persoas autónomas con persoal contratado, así como estes colectivos e pemes de sectores especialmente paralizados --lecer nocturno, atraccións de feira e determinadas actividades como transporte, axencias de viaxe, cinemas, comidas preparadas para eventos, parques de atraccións e similares--.

As contías, segundo a Xunta, irán desde os 4.000 aos 5.000 euros e para acceder a elas hai que ter un ERTE autorizado pola covid desde a declaración do estado de alarma e achegar perdas de polo menos o 45 por cento como consecuencia da pandemia. Como contraprestación, os empresarios deberán comprometerse a manter o emprego seis meses.

En canto ao sector hostaleiro, as axudas específicas para os establecementos pechados desde a implantación das medidas sanitarias do pasado mes de outubro beneficiarán a persoas traballadoras autónomas --con ou sen persoal contratado--, microempresas e pemes inactivas durante un mínimo de 15 días nos últimos meses.

Ademais dos negocios de comidas e bebidas, estes apoios ábrense aos hoteis, hostais, casas rurais e outros aloxamentos situados nos concellos afectos polos peches perimetrais. No caso dos hostaleiros, as axudas concederanse por establecemento e serán de 1.500 euros por mes de paralización da actividade, desde o mes de outubro.

Se os candidatos son empresarios con dez ou máis traballadores, percibirán a cantidade de 2.000 euros por peche, ou a parte proporcional en ambos os casos se a actividade permaneceu parada por un período menor, nunca inferior aos 15 días.

AMPLIACIÓN

Por outra banda, a Xunta anunciou que manterá "se é necesario" en 2021 as axudas para seguir "apoiando a calquera sector" que o necesite debido ás restricións sanitarias pola pandemia, segundo asegurou este venres a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta