Pero ninguén vota ao PP?

O exercicio de representación democrática implica gobernar en función dos desexos do pobo e para o pobo. Isto é unha obviedade cando damos por feito (aínda que quizais é dar moito por feito) que os que son elixidos o son por un programa que o electorado coñece e, xa que logo, co que se identifica. A consecuencia é que os gobernados están dacordo coas políticas desenvolvidas polos elixidos nas urnas. Mais, como así non é, planteo aquí alguntas preguntas espero que incómodas.

Por Francisco Castro | Vigo | 05/06/2013

Comparte esta noticia

Alguén coñece un só pensionista que estea dacordo coas decisións do goberno sobre o que lles afecta? É máis, alguen coñece un só cidadán a quen lle agraden os planos que sobre as pensións ten deseñado o goberno? As únicas voces que se escoitan son as que critican e avisan da desfeita e do perigo de que ese colchón económico para os anos finais da vida se perda. Mais igual si. Igual si que si que hai alguėn a quen lle mola a reforma das pensións. Quizais si que hai a quen lle agrada. Por exemplo, os que venden planos de pensións, é dicir, os únicos e verdadeiros beneficiados da creba do sistema actual e que van facer unha caixa caralluda cando estes acaben con todo.

Alguén sabe dalgún profesor ou profesora que apoie a LOMCE? As voces que se escoitan son críticas e apostan por desenvolver unha oposición frontal e a súa retirada. Nos centros de ensino non hai nin un só cartel que se congratule pola nova lei de educación. Aínda que igual si que hai a quen lle gusta: os colexios de curas e monxas que, entusiasmados con iso da "autonomía dos centros" e a volta da relixión a primeiro plano ven á fin convertido en obrigatorio o seu modelo educativo e, con el, a imposición do seu modelo de persoa.

Alguén topou algunha soa vez, unha soa, un só traballador (e somos millóns, aínda que reducíndonos) que fale ben da reforma laboral que estes nos meteron por onde nos meteron? As folgas, as protestas e, sobre todo, as terribles consecuencias que en termos de precariedade implicou a súa implantación, fan imposible falar ben disto...a non ser, claro, que pertenzas á patronal e aos grandes grupos empresariais, grandes beneficiarios da precariedade.

Así pois, non hai ninguén que exprese publicamente o seu acordo con estas medidas.
Daquela, como é que siguen gañando con maiorías absolutas?
Se ninguén os apoia...

Vai ser como iso de que ninguén abre a boca para dicir quebbota ao PP. E logo resulta que lles bota tododiós.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro