Hostaleiros tras o anuncio de Feijóo: "a reapertura así non vai ser viable"

Reciben de forma "agridoce" a reapertura e con dúbidas na rendibilidade da limitación de aforamentos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2020 | Actualizada ás 19:47

Comparte esta noticia

A esperada reapertura da hostalaría en toda Galicia desde o vindeiro venres é, sen dúbida, unha "moi boa noticia" para un sector que pediu durante este tempo a "oportunidade de seguir traballado" nos seus negocios. Con todo, parte dos hostaleiros recibiron de forma "agridoce" este plan de desescalada por territorios, sobre todo no relativo ás limitacións de horario e de aforamentos, coas que, cren, moitos negocios non serán "viables".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, daba a coñecer este mércores o plan de desescalada da hostalaría, acordado polo comité clínico, e que implica que, desde o venres, poderá abrir toda a hostalaría en Galicia, incluso a daquelas áreas con máis restricións e que permanecen perimetradas.

Será, no entanto, unha apertura graduada e vinculada á situación epidemiolóxica de cada territorio, con aforamentos que van desde o 50% só en terrazas ao 50% en interiores e o 75% en terraza do nivel básico. Do mesmo xeito, a situación da zona tamén determinará os grupos máximos permitidos, entre catro e seis persoas --convivientes ou non--, e os horarios máximos de peche --ás 17,00 ou ás 23,00 horas--.

Lois Lopes, directivo de Hostalaría Compostela, valorou o feito de que as restricións expostas sexan "proporcionais" aos datos sanitarios de cada zona, aínda que, dixo, non comparten "a limitación de capacidade" dos locais. "Temos a idea de que, por baixo do 75% de ocupación, moitos negocios quedarán excluídos", dixo, en declaracións a Europa Press, tras o que asegurou que esta proposta "non se corresponde coa viabilidade dunha gran parte da hostalaría".

Entre as propostas dos hostaleiros composteláns, o directivo lamentou que non se incluíu a consideración da barra como 'mesa única', nin a posibilidade de que os locais de lecer nocturno, que seguen pechados, teñan actividade en horario diúrno como cafetarías.

Por iso, Lois Lopes destaca, como unha "liña vermella" aínda non tratada, a "cuestión de indemnizar aos locais que non poidan desenvolver a súa actividade" en limiares de rendibilidade. Aínda que a situación en áreas como Santiago é "mellor que naquelas que teñen máis restricións", Lopes reclamou un "plan estable de axudas" para os negocios "que non van poder desenvolver a súa actividade" con opcións de rendibilidade.

UNHA NOTICIA "AGRIDOCE"

Na mesma liña, o presidente provincial dos hostaleiros pontevedreses, César Ballesteros, recibiu este anuncio dunha forma "agridoce", por unha banda "desexando abrir", pero, por outro, con dúbidas sobre "os mínimos de beneficio" para os locais nestas condicións.

Pola súa banda, o presidente dos hostaleiros ourensáns, Ovidio Fernández, viu este plan "unha moi boa noticia para o sector", que busca "unha oportunidade para seguir adiante se esta epidemia o permite". "Outra cousa é se este tema serve para que se desenvolva a hostalaría despois dun tempo perdido e nunca máis recuperado", engadiu.

O presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, eloxiou que a Xunta "consultase co sector" este plan, posteriormente analizado no seo do comité clínico, e admitiu que non se trata dunha "decisión fácil", xa que é "imposible contentar a todo o mundo". No entanto, explicou a Europa Press, "a mensaxe pode ser de optimismo".

Unha muller permanece sentada nunha terraza de Ourense
Unha muller permanece sentada nunha terraza de Ourense | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta