O golpe de estado de Feijóo

Ninguén, absolutamente ninguén, apoia ao presidente da Xunta na súa idea de reducir o número de deputados no Hórreo. Mais el sigue para adiante porque di que a maioría absoluta outorgada ao seu programa (onde figuraba esa proposta) é un forma de referendum e hai que cumprir. Por esa lóxica, se un día gaña con maioría absoluta un partido independentista, apoiará a ruptura co estado español.

Por Francisco Castro | Vigo | 11/06/2013

Comparte esta noticia
A reflexión, por chamala dalgunha maneira, ten un moito de perverso. Dicir que hai que cumprir as promesas electorais é unha parvada. Pois claro que hai que cumprir as promesas electorais. Pero o certo é que non se cumpre case que ningunha. Por suposto, sempre hai explicación. Sempre. Eu prometo o que sexa, que logo xa virá a crise, ou as circunstancias históricas, ou a tristeira realidade a poñelo todo no seu sitio. Ou o esquecemento. Eu quería, pero non se pode.
Sen embargo, esta, esta en concreto, esta si que hai que cumprila. E o perverso está en dicir que os cidadáns é o que queren, porque a pesar da maioría absoluta, só un de cada catro galegos lles votou. Así que como tal referendum é máis que cuestionable. Por iso digo que é perverso, porque no que se escuda o presidente é na lexitimidade que dan os votos (Hitler gañou unhas eleccións e xa había unhas cantas barbaridades no programa para nada lexítimas) e, manda truco na Habana, na ética.
 
É un golpe de estado (tómese en senso metafórico) en toda regra.
 
Porque Feijóo non é parvo. Nin el nin os seus asesores. Pode ser que non nos guste como lles funciona a cabeza. Pero non son parvos. Máis ben todo o contrario: son fríos e calculadores.
E dende a frialdade e o cálculo saben que esa proposta só os beneficia a eles. Por iso a fixeron. Non é que a fixeran, que non somos imbéciles (nós tampouco o somos, pode ser que non lles guste como pensamos pero non o somos), para beneficiar ao país gañase quen gañase. Fixeron o cálculo primeiro. E como sabían que ían gañar (como o sabiamos todos aínda que doa recoñecelo) plantearon a promesa sabendo que a súa aplicación íalles ser moi beneficiosa.
Reducir o número de parlamentarios non ten por que ser unha mala norma a priori. Mais, cando é a Lei D'Hont quen ditamina quen é deputado e quen non, e o lexislador sabe o dato e botou cálculos, se pide iso, é porque sabe que vai gañar en poder. Tal e como está hoxe en día o reparto de votos, se aproban esa norma (que toda a oposición rexeita: o presidente ofrece diálogo pero só para que lle dean a razón) a oposición será a gran prexudicada e, por extensión, o PP, o gran beneficiado.
 
E iso poden disfrazalo de ética pero é perverso.
 
Se Feijóo está tan convencido de que as promesas electorais hai que cumprilas, que chame a Mariano e que lle diga que prometeu non subir o IVE.
 
E mira ti.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro