Dos bares ás axencias de viaxes: descobre se podes optar a unha das axudas da Xunta

O “Plan de rescate” de San Caetano inclúe tres liñas de apoio para autónomos, microempresas e hostaleiros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/12/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Xa está aberto o prazo para optar a un dos principais paquetes de axudas cos que a Administración pretende compensar o duro golpe da covid sobre a economía galega. Desta vez é a Xunta de Galicia que vén de lanzar unhas medidas de apoio que se suman así aos ERTE do Goberno Central, rodeados de críticas nas últimas semanas porque moitos dos demandantes denuncian non telos cobrado aínda.

Unha muller permanece sentada nunha terraza do barrio do Couto o mesmo día no que prohibiron as reunións entre non convivientes ante o aumento de contagios de Covid-19. En Ourense, Galicia, (España), a 3 de outubro. Esta medida, imposta por Sa. Rosa Veiga - Europa Press
Unha muller permanece sentada nunha terraza do barrio do Couto o mesmo día no que prohibiron as reunións entre non convivientes ante o aumento de contagios de Covid-19. En Ourense, Galicia, (España), a 3 de outubro. Esta medida, imposta por Sa. Rosa Veiga - Europa Press

A diferencias destes expedientes de regulación temporal de emprego, o paquete de apoios deseñado en San Caetano vén dirixido de xeito exclusivo a unha parte do tecido produtivo galego: autónomos, microempresas e hostaleiros. Para aliviar a situación destes tres grupos, entre os máis damnificados polas restricións e o propio virus, a Consellería de Emprego e Igualdade vén de ultimar un conxunto de apoios que suman 84 millóns de euros.

En total, e segundo apuntan dende o goberno galego, o chamado “Plan de rescate” conta con orzamento para apoiar a actividade de “máis de 30.000 autónomos e 10.000 microempresas”. A iniciativa conta con tres liñas de axudas que xa poden ser solicitadas a través dunha tramitación electrónica, “por medio dunha declaración responsable dos candidatos”.

REQUISITOS BÁSICOS

A Xunta estima, neste aspecto, que as primeiras contías “poderían chegar aos seus destinatarios nas próximas semanas de decembro”. Para optar a elas, iso si, é preciso cumprir cos requisitos delimitados por San Caetano e achegar a declaración responsable antes do 18 decembro, día no que remata o prazo. A Xunta esixe, en primeiro lugar, que os beneficiarios das axudas “estean dados de alta no réxime específico de traballadores por conta propia ou no réxime de traballadores do mar”. Asimesmo, é preciso que conten con seu domicilio fiscal en Galicia e “ter recoñecido o cese ordinario ou extraordinario do Real Decreto Lei 30/2020”. 

No caso de cumprir estas barreiras, os perceptores “deberán manter a actividade económica dada de alta durante dous meses desde a publicación da orde”. A iniciativa inclúe unha aportación única para autónomos --con ou sen persoal a cargo-- de 1.200 euros en xeral e de 2.000 euros para as actividades “especialmente paralizadas”. Esta contía correspóndese coa primeira das tres liñas de axudas, orientada de xeito específico aos autónomos, pero, como sinalamos, hai dúas máis: para microempresas –ou autónomos con persoal a cargo— e hostaleiros.

SECTORES “PARALIZADOS”

En ambos casos, os demandantes destas dúas liñas de axudas teñen ata o próximo 28 de decembro para solicitar apoios. No caso das microempresas e autónomos con persoal poderán recibir contías dos 4.000 aos 5.000€ no caso de tratarse de sectores “especialmente paralizados”. A Xunta inclúe baixo esta etiqueta as empresas de lecer nocturno, atraccións de feira e determinadas actividades como transporte, axencias de viaxe, cines, comidas preparadas para eventos e parques de atraccións, entre outros.

Segundo explican dende San Caetano, os profesionais que queiran tratar de acceder a unha destas axudas deben “ter ou ter tido autorizado un ERTE” pola covid-19. Isto inclúe exclusivamente expedientes de regulación temporal de emprego que foran desde á declaración do estado de alarma. Do mesmo xeito, deberán probar que tiveron perdas de polo menos o 45% por mor da pandemia. Os beneficiarios deberán comprometerse a manter o emprego 6 meses.

HOSTALARÍA 

En canto ao sector hostaleiro, a Xunta contempla axudas específicas para os establecementos pechados pola implantación das medidas restritivas. O anuncio da desescalada que deu comezo o venres 4 deixa sen efecto, na práctica, estes apoios para o futuro; xa que non se prevén peches forzados. Con todo, o gobernos galego segue a ofrecer unha compensación de 1.500€ por “mes de paralización da actividade” dende outubro, tamén para aqueles hostaleiros que teñan aberta a terraza ao 50% e os interiores pechados nos concellos coas máximas restricións.

Tal e como apuntan dende a Xunta, se os candidatos son empresarios con “10 ou máis traballadores” percibirán a cantidade de 2.000 euros por mes de peche, ou a parte proporcional en ambos os dous casos se a actividade permaneceu parada por un período menor. Estes apoios poderán beneficiar a traballadores autónomos –con ou sen persoal-- microempresas e pemes inactivas durante un mínimo de quince días nos dous últimos meses.

Ademais dos negocios de comidas e bebidas, estes apoios ábrense aos hoteis, hostais, casas rurais e outros aloxamentos situados nos concellos afectados polos peches perimetrais.

De acordo coa Consellería de Igualdade e Emprego, todas as axudas son complementarias e acumulables entre si. En consecuencia, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros as contías das axudas poderán oscilar entre os 6.700 ata os 9.200 euros, cifras que “sitúan a Galicia como unhas das comunidades á cabeza en canto aos apoios dispensados a este sector”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta