Os galegos, os máis preocupados polo cancro de garganta e a súa relación co sexo oral

Investigadorres analizan as tendencias en buscas en Google en España durante a última década relacionadas co cancro de orofarinxe.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/12/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“Sexo oral e cancro”. Esta combinación de palabras é máis utilizada polos galegos que por outros cidadáns do Estado español para procurar en Google información sobre o cancro de orofarinxe (garganta), enfermidade que, segundo a comunidade científica, seguirá aumentando a súa incidencia nas próximas décadas. Galicia é, precisamente, a autonomía onde máis houbo e creceron as buscas de información en Internet sobre este tipo de cancro na última década, segundo un novo estudo.

Sasha Grey, co Premio AVN á mellor escena de sexo oral nunga gala dos considerados como os Oscar do cine porno
Sasha Grey, co Premio AVN á mellor escena de sexo oral nunga gala dos considerados como os Oscar do cine porno | Fonte: Jo Anna Barber - Wikimedia.

Os autores do traballo observaron “un aumento das procuras desta patoloxía e termos relacionados de maneira xeral en todo o territorio [español]”, pero “de maneira particular en Galicia, dándose un aumento do 250 % na procura para a combinación dos termos «sexo oral e cancro»”, destacan.

Ante o avance desta enfermidade, os investigadores quixeron coñecer o interese da poboación por esta doenza, observando tendencias de procuras mediante a análise do uso de Google como fonte de información relacionada co cancro de orofarinxe en España, e relacionadas coas novas publicadas en medios de comunicación.

Así, recurriron a Google Trends, ferramenta que proporciona tendencias de buscas mundiais e por áreas xeográficas para diferentes palabras clave. Os investigadores decidiron explorar as procuras para os termos “cancro de garganta”, “VPH” (Virus do Papiloma Humano), “cancro de larinxe”, “cancro de amígdalas” e “cancro oral”, desde xaneiro do 2009 ata xullo de 2019.

Nos rexistros de Google atoparon que o termo máis buscado foi “VPH”, seguido de “cancro de garganta”, “cancro oral”, “cancro de larinxe” e “cancro de amígdalas”. E observaron un incremento na preocupación ou interese dos cidadáns, cun aumento nas buscas do termo “VPH” a un ritmo medio anual do 6,1 %.

Tamén descubriron que o maior número de procuras se realizou no norte de España, sendo a consulta máis repetida “sexo oral e cancro”. Galicia é a autonomía que ocupa o primeiro posto nesas buscas.

Para o termo máis coñecido, “cancro de garganta”, as cinco autonomías con maior volume de procuras foron, por esta orde, Galicia, Asturias, Euskadi, Murcia e Castela-A A Mancha. “Este predominio do norte de España no volume de procuras realizadas repítese coa maioría dos termos estudados”, salientan os autores do estudo.

En conxunto, as procuras sobre “cancro de garganta” tiveron unha evolución crecente, cunha variación porcentual anual do 3,9 %. Con todo, o seu maior incremento produciuse entre 2009 e xuño de 2013, cando o número de procuras deste termo aumentou significativamente, até un 11,4 %.

Para o resto de termos, e malia atopar un pico illado nas buscas de “cancro oral”, a tendencia no volume de procuras foi estable no tempo.

Ademais, atopouse unha correlación moderada entre a tendencia de buscas de “cancro de garganta” e de “VPH”, mais non atoparon ningunha relación recíproca entre o resto de termos.

A INFLUENCIA DOS MEDIOS

Ao identificar os momentos con maiores picos de procuras sobre o cancro de garganta, atoparon unha correlación entre a aparición de novas nos medios de comunicación e o aumento no volume de procuras dos termos relacionados con esta enfermidade.

Os autores identificaron o maior pico no número de procuras en xuño de 2013, cando se dispararon as buscas para os termos “VPH”, “cancro de garganta” e “cancro oral” simultaneamente. Este aumento, din, “debeuse ás novas sobre a relación entre o virus do papiloma humano e o cancro de garganta, e ás especulacións sobre a etioloxía da enfermidade dun actor estadounidense de renome”. Refírense a Michael Douglas, quen en 2013 afirmou que practicar sexo oral lle provocou cancro de garganta.

E foron os galegos os que máis procuras fixeron sobre a relación entre o sexo oral e o cancro: “Analizando os resultados deste pico por comunidades de España, obsérvase un aumento das procuras desta patoloxía e termos relacionados de maneira xeral en todo o territorio e na zona noroeste (Galicia) de maneira particular, ocorrendo un aumento do 250 % na procura para a combinación de termos «sexo oral e cancro»”, detallan os investigadores.

O segundo maior pico de buscas produciuse entre maio e xullo de 2014, relacionadas co “cancro de garganta” e “cancro de larinxe”. “Este pico, novamente, é o reflexo das novas sobre un relevante político español con esta enfermidade”. Neste caso, refírense ao anuncio que fixo daquela sobre a súa doenza Adolfo Suárez Illana, fillo do finado primeiro presidente do Goberno español trala ditadura franquista, Adolfo Suárez.

O terceiro pico máis importante rexistrouse en febreiro de 2011, cun aumento das procuras sobre “cancro oral”, “cancro de garganta” e “VPH”. “Este pico coincide coa nova publicada en xornais estatais que informaba que «o sexo oral é o primeiro factor de risco para o cancro de garganta».

“Calquera noticia, nova intervención ou etioloxía [causas da enfermidade] relacionada co cancro de orofarinxe pode manifestarse nun aumento das condutas de procura de información sobre o «cancro de garganta» en Google”, explican os investigadores, que subliñan a utilidade de identificar e comprender como, por que e cando os cidadáns buscan información sobre esta enfermidade, xa que “comprender o comportamento de procura de información sanitaria é fundamental para controlar e planificar a calidade do coñecemento proporcionado polas organizacións sanitarias, os grupos de apoio e os profesionais sanitarios sobre os cancros de cabeza e pescozo”, argúen.

Os autores do traballo salientan tamén a utilidade de Google Trends como ferramenta para “comprender a terminoloxía utilizada polos pacientes en diferentes comunidades autónomas” e coñecer así “cales son as preocupacións da poboación en xeral”. “Un exemplo sería o caso de «sexo oral e cancro», podendo inferir a necesidade de mellorar a educación sexual”, conclúen.

O estudo está asinado por investigadores adscritos aos servizos de Otorrinolaringoloxía-Cirurxía de Cabeza e Pescozo do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC), do Complexo Hospitalario Universitario Santiago de Compostela (CHUS), do Hospital Universitario Donostia (País Vasco) e do Hospital Foch en París, e do Departamento de Pediatría do CHUAC e do Instituto de Ciencias e Tecnoloxía da Saúde da Universidade de Mons (Bélxica).

Os resultados veñen de publicarse na revista científica European Archives of Oto-Rhino-Laryngology.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta