Denuncian que o goberno de Feijóo abriu catro granxas de visóns logo de que o Supremo o prohibira

Adega asegura que a Xunta chegou a subvencionar unha destas explotacións "ilegais". A Xunta responde que o Real Decreto permite autorizar novas explotacións de animais incluídos no catálogo, con medidas precautorias suficientes.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2020 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

Novo episodio na polémica das granxas de visóns. O ollo público está posto nestas explotacións logo de que saltase á actualidade que estes pequenos animais poden xerar unha mutación do virus da covid-19 que podería deixar sen efecto o avance das vacinas. Neste contexto, as asociacións ecoloxistas asentadas en Galicia aproveitaron para poñer sobre a mesa a alta concentración de granxas de visóns na comunidade; unha cuestión que vén de subir de nivel logo de que Adega acusara á Xunta de autorizar “ilegalmente” algunhas destas granxas.

WWF reclama o peche das granxas de visóns en Europa.. WWF
WWF reclama o peche das granxas de visóns en Europa.. WWF

En concreto, e segundo datos que manexa a Asociación, “4 das 26” explotacións actualmente en funcionamento en Galicia “poden ser ilegais ao telas a Xunta autorizado despois de marzo de 2016”. O incumprimento viría dado porque, din os ecoloxisas, “nesta data o Supremo prohibiu novas instalacións e ampliacións en todo o territorio do Estado”. As catro granxas en cuestión estarían situadas en Abegondo, A Baña, Oza-Cesuras e Agolada.

O descubrimento vén de ser realizado logo de que o goberno de Núñez Feijóo, ante a presión destes grupos ecoloxistas, decidira achegar información sobre o espallamento destas granxas na comunidade, máxime “ante as evidencias de que estas instalacións poden contribuír á expansión de novas cepas de COVID-19, tal como xa aconteceu en Europa”. Así apreciou o colectivo ADEGA que 4 das instalacións teñen data de alta posterior a marzo de 2016, é dicir, máis alá da nomeada sentencia do Tribunal Supremo.

O fallo deste tribunal anulaba parte dun Real Decreto orientado a regular o catálogo de especies exóticas invasoras. En concreto, o apartado eliminado facía referencia á posibilidade “excepcional” de autorizar o aproveitamento gandeiro de especies invasoras. Este punto anulado implicaba que “non se poderían abrir novas granxas de visón americano nin ampliar as existentes” nos territorios nos que está presente o visón europeo. Porén, en Galicia a especie europea non está presente, explican dende ADEGA, “polo que antes deste fallo podían instalarse novas granxas e ampliar as xa operativas”.

A cuestión é que, coa derrogación deste apartado, “o Supremo eliminou todas as excepcións  para o aproveitamento de calquera especie invasora en todo territorio do Estado”. Esta base incluiría o propio visón americano, polo que as granxas abertas ou ampliadas logo de marzo de 2016 serían ilegais. Dende a plataforma deixan constancia de que, por riba, a Xunta chegou a subvencionar con ata 24.750€ a explotación da Baña en 2018.

Granxa de visóns en Troitosende (A Baña, A Coruña)
Granxa de visóns en Troitosende (A Baña, A Coruña) | Fonte: SGHN.

40 POSTOS DE TRABALLO

Fronte a estas circunstancias, a posición da plataforma pasa por pedir o peche “definitivo” destas instalacións “ao igual que está a acontecer en Europa”. Segundo destacan, “o impacto económico non compensa en absoluto o mantemento dunha actividade de tan alto risco biolóxico e de saúde”. “En Dinamarca pecháronse todas as granxas, unhas 1200, que daban emprego a 1800 persoas. Seguindo esta proporción, as 26 granxas galegas manterían uns 40 postos de traballo”, argumentan.

“Se a Xunta teima en manter abertas estas instalacións, ademais de continuar desobedecendo ao Supremo (o que podería derivar en responsabilidades penais)”, discorren, “amosaría outra volta que para a Feijóo o beneficio empresarial está por riba da saúde pública e mesmo da legalidade”. ADEGA lanza unha última cuestión: “de quen serán as responsabilidades se nalgunha das granxas en situación ilegal se producen contaxios co COVID-19 ou aparecen novas cepas?”.

RESPOSTA DA XUNTA

 

Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural, nun comunicado remitido ao Galicia Confidencial destaca que a redacción en vigor deste Real Decreto permite autorizar novas explotacións de animais incluídos no catálogo, con medidas precautorias suficientes, e tras unha análise de riscos favorable, en relación aos posibles escapes, liberacións e vertidos que puideran existir.

 

Por este motivo, as Consellerías do Medio Rural e de Medio Ambiente estableceron no seu día un protocolo de autorización consensuado no que se fixaban as condicións de seguridade e os criterios que deben cumprir este tipo de granxas. "Así, no caso de todas granxas de visóns rexistradas con posterioridade a esta sentenza, realizouse previamente por parte da Xunta unha análise de riscos que se resolveu con informe favorable", aclaran fontes deste departamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta