A difícil situación dos maiores illados en residencias: "sálvanse da covid pero morren de soidade"

As familias alertan dun "deterioro cognitivo" pola falta de contacto: "persoas que antes falaban sen problemas xa non poden". Esixen poder facer visitas con EPIs e pasar o Nadal xuntos: "non os podemos privar de vivir para seguir vivindo". REDE lembra cun acto en Celanova que as condicións destes centros seguen sendo "precarias".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os familiares de internos en residencias galegas póñense en marcha, pero por unha cuestión ben distinta ás súas demandas nestes últimos meses. Desta vez, o obxectivo das mobilización non pasa polas melloras das condicións dos centros, nin para demandar transparencia ao goberno da Xunta de Galicia. Desta vez, o único que piden as familias é “poder abrazar” aos seus pais, avós e demais usuarios destes centros. 

Imaxe de arquivo de dúas mulleres á entrada da residencia de anciáns do Incio, en Lugo, onde se detectou un brote de coronavirus, o 20 de agosto de 2020.. Carlos Castro - Europa Press
Imaxe de arquivo de dúas mulleres á entrada da residencia de anciáns do Incio, en Lugo, onde se detectou un brote de coronavirus, o 20 de agosto de 2020.. Carlos Castro - Europa Press

“Salvámolos de morrer de coronavirus pero están morrendo de soidade”, resume unha representante de Faudema, a asociación impulsora desta demanda baixo a campaña “Queremos sentir”. A iniciativa, presentada este venres na Casa das Asociacións da antiga estación de Cornes, en Santiago de Compostela, conta co apoio de REDE, colectivo onde se atopa integrada a asociación convocante. Ana Villaverde, unha das caras visibles da proposta, relata que levan traballando no plan “dende o verán”, cando a problemática das visitas levaba xa meses presente.

O calvario sufrido polos familiares de residencias comezou coa propia pandemia, cando, nas primeiras semanas, quedaron prohibidas as visitas aos internos. Durante o confinamento, estas foron substituídas por videochamadas que, explica Villaverde, tiñan lugar “con moitas dificultades” e “non se podían facer todos os días”. Un pouco despois volveron as visitas presenciais, pero a dous metros de distancia, unhas condicións que Villaverde ve “terribles”. “Bótanse a chorar e nin sequera podes collelos da man porque non che deixan acercarte”.

O problema que latexa baixo esta falta de contacto é que, de acordo con Queremos Sentir, a ausencia de relación directa con familiares está a pasar factura á saúde dos internos. “O deterioro cognitivo é tremendo”, asegura Villaverde, que relata o caso de “persoas que falaban perfectamente hai oito meses xa non falan, persoas que camiñaban xa non camiñan, persoas que comían soas xa non poden...”.

PROTECCIÓN COMO OS TRABALLADORES

O “illamento” destas persoas, en fin, déixaos “tristes e desconectados” segundo a plataforma. “Tiran a toalla porque lles falta o contacto coa familia”, engade Villaverde. Ante estas circunstancias, o obxectivo concienciar á sociedade en xeral –pero tamén á Xunta- da necesidade de que se permitan estas reunións, “pola saúde das persoas”. “O que pedimos é que se poñan os medios que fagan falta para que as familias poidamos abrazalos e nos poidan sentir preto”, resume.

A plataforma concreta que, para realizar estas visitas, consideran imperativo dispoñer dun EPI como os que empregan os traballadores de residencias. E é por isto que non ven nestas hipotéticas visitas un risco maior ao que está presente no contacto entre maiores e os propios empregados. “Pedimos poder abrazalos cos mesmos medios dos que dispón unha persoa que traballa alí, é dicir, que sae de alí e fai a súa vida: ten fillos, ten pais, vai ao supermercado, ao médico, etc. e ao volver pon unha bata estéril, unhas luvas e unha máscara, como ten que ser”.

“NON IMOS CHEGAR A TEMPO”

A plataforma conta xa con apoio de psicólogos e mesmo membros de direccións de

residencias. “Hai moita máis xente de acordo con esta iniciativa da que parece”, subliña Villaverde. A representante pon en claro as demandas da asociación: “Non nos podemos privar de vivir para poder seguir vivindo, porque non ten ningún sentido. Evidentemente hai que protexelos, pero tamén no sentido emocional e o anímico, sobre todo a esas alturas da vida”.

Por esta razón, ven imperativo que estas persoas poidan pasar o nadal coa súa familia. “Hai que regular e poñer os medios para que, de algunha maneira, poidan pasar o nadal acompañados; que sintan que seguen tendo familia e que seguen sendo queridos”. O obxectivo, porén, iría máis alá do meramente emocional. “Hai que poñerlle fin xa ao deterioro cognitivo dos nosos maiores , porque se non nos imos chegar a tempo”.

HOMENAXE EN CELANOVA

Precisamente, nesta mesma xornada a REDE vén de celebrar unha homenaxe ás vítimas da covid na Residencia San Carlos de Celanova. A pesar da choiva, dúas ducias de persoas reuníronse na Praza Maior do concello para gardar "once minutos de respectuoso silencio", un por cada persoa falecida neste centro de maiores. Foi a primeira concentración presencial despois de dous meses suspendidas. 

O acto serviu para agradecer o apoio civil á iniciativa e tamén para lembrar que "a situación na maioría de residencias de Galicia segue sendo precaria por falta de medios humanos e materiais". Do mesmo xeito, os representantes de REDE aproveitaron para subliñar as demandas de FAUDEMA e destaca que "as restricións ás visitas minguan a feble saúde mental dos maiores e tamén afecta á dos propios familiares". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta