O comité de Navantia e Xunta reclaman carga de traballo ao Goberno con actuacións como o dique cuberto

O comité pide ademais melloras dentro dos estaleiros de cara a fomentar a competitividade das instalacións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2020 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, e o comité de Navantia urxiron este venres ao Goberno carga de traballo "inmediata" con actuacións como a contratación dun buque de aprovisionamento loxístico, a creación dun dique cuberto e un taller de subbloques que acheguen "competitividade".

En declaracións previas a un encontro en Santiago entre Xunta e comité, Conde destacou a "importancia" de que o Goberno "se some a un plan específico" para dotar de carga de traballo a Navantia en Ferrol e á industria auxiliar da comarca.

Avisa de que as bancadas de Navantia "están baleiras" e as auxiliares "están abocadas ao despedimento se non hai unha reacción inmediata por parte do Goberno". Por iso, empraza ao Executivo central a que cumpra cos seus "compromisos adquiridos" como a contratación dun buque ata o desenvolvemento das fragatas F-110, sobre as que tamén pide "adiantar" a súa execución.

Así mesmo, Xunta e comité inciden na necesidade de realzar melloras que garantan a "competitividade" do estaleiro como o dique cuberto.

Neste sentido, Conde demanda que o naval sexa unha "prioridade" para o Goberno nos fondos da UE para a reactivación económica fronte á pandemia.

"Necesitamos que o Goberno crea que o sector naval é un sector estratéxico, que se crea que hai unha necesidade inmediata de que haxa un plan específico para Navantia", expón o conselleiro de Economía.

Concentración na porta de Navantia Ferrol
Concentración na porta de Navantia Ferrol | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta