Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 15/12/2020 | Actualizada ás 09:25
A presentación da publicación en terras valdeorresas tivo lugar o pasado 11 de decembro e no acto estivo presente o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando.
Alejandro Paadín, membro do equipo que elabora a prestixiosa guía, deu conta ante os presentes das distincións da D.O. Valdeorras que se fixeron este ano. De tal xeito que co selo de "Gran Ouro" recóllense 21 referencias, co "Ouro" 80 e coa distinción de "Prata", un total de 40.
"Este foi un ano no que máis viños de Valdeorras se cataron de cara a elaborar a Guía", referiu Paadín, ao tempo que destacaba aos "viños de parcela" como singulares do territorio amparado.
O presidente do Consello Regulador agradeceu á publicación que seguira adiante co traballo de elaboración da guía malia as dificultades derivadas da pandemia e amosou a súa satisfacción ao ver que cada vez son máis as referencias valdeorresas que forman parte dunha publicación "que xa é todo un referente de divulgación enolóxica en Galicia".
A PUBLICACIÓN
A Guía de Viños, Destilados e Augardentes de Galicia 2021 ten editados 21.000 exemplares e consta de 480 páxinas a toda cor. Non ten publicidade, e para a súa elaboración catáronse máis de 1.500 referencias de viños e destilados galegos procedentes de 500 adegas de todas as D.O. galegas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.