Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2025 | Actualizada ás 19:03
O Sindicato Labrego Galego (SLG) solicita, ante a confirmación da ampliación do prazo de tramitación da Política Agraria Común (PAC) ata o 31 de maio, que esta non teña "prexuízos directos" para agricultores e agricultoras. "Principalmente, o atraso no pago das contías a percibir", sinala. "Dificultade para afrontar créditos que vencen a final de ano, imposibilidade de cubrir facturas ou de acometer melloras técnicas necesarias son algúns dos problemas que virían a engadir ás complicacións cotiás que levaría a demora no pago, agravando a vulnerabilidade económica das granxas galegas", indica nun comunicado.
Nel, recalca que nin agricultores nin agricultoras nin entidades tramitadoras pediron "nunca" a dixitalización da tramitación da PAC. "É máis, desde que comezamos con este sistema, non deixamos de notificar erros e incidencias na aplicación informática", explica o sindicato. Do sistema, afirma que xera "incerteza e preocupación" entre as persoas solicitantes e apunta que non existen, "polo menos no Estado español", as condicións técnicas "para que un proceso desta complexidade sexa tramitado electronicamente cunha fluidez razoable".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.