Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/08/2025 | Actualizada ás 18:00
O presidente do Consello Regulador das IXP Tenreira Galega e Vaca Galega-Boi Galego, Jesús González, avoga por un uso produtivo do territorio como medida para a prevención de incendios e asegura que “o fomento e apoio da gandería extensiva de vacún de carne, do mesmo xeito que de ovino e caprino, é esencial para evitar os incendios”.
González reclama “unha aposta decidida por parte da Administración” para apoiar o modelo produtivo que promoven as IXP Tenreira Galega e Vaca Galega-Boi Galego. E lembra que a poboación rural, a actividade agraria e a gandería extensiva son factores determinantes para a conservación do territorio.
“É necesario que no rural siga vivindo xente que desenvolva unha actividade produtiva no campo, así evítase a proliferación da maleza e das terras abandonadas”, sinala o presidente das IXP. E lembra que Galicia é unha reserva alimentaria europea de gran capacidade, onde o vacún extensivo de carne constitúe un gran aproveitamento económico.
Para Jesús González “o gran reto do rural galego é fomentar as actividades económicas agrarias; só así se fixará poboación no campo que coide as leiras e os montes, e a gandería extensiva é a actividade máis favorable. Un plan de fomento deste tipo de produción daría continuidade á vida no rural galego, como suma da vida social e o traballo dos seus habitantes, a continuidade de aldeas e lugares, a xeración de riqueza e a conservación da biodiversidade”.
Actualmente, na provincia de Ourense están inscritas case o 10% das ganderías de Tenreira Galega que producen un 22% dos animais rexistrados no CR.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.