Comezo da vendima e avaliación de danos en Valdeorras

A D.O. Valdeorras comeza a vendima, marcada polo 80º aniversario do Consello Regulador e pola valoración do equipo técnico sobre o terreo dos posibles efectos do paso dos lumes que asolaron a comarca. “É importante sinalar que as viñas foron as heroínas que actuaron como cortalumes naturais en moitas partes, salvando moitas das casas dos pobos nas que están prantadas”, di un dos técnicos.

Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 25/08/2025 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A D.O. Valdeorras comezou o xoves 21 de agosto a campaña de vendima 2025, marcada polo 80º aniversario da posta en marcha do organismo e pola avaliación de danos sufridos polo viñedo.

Vendima en Valdeorras. Foto: CRDO Valdeorras.
Vendima en Valdeorras. Foto: CRDO Valdeorras.

Na mesma data e coa mesma adega do ano pasado, Valdesil, comezaron os traballos na viña As Chas Vieja, en Portela de Vilamartín. A primeira uva recollida, como é costume, foi a de godello, “rigurosamente seleccionada para elaborar un viño tostado, que require unha coidada selección de acios que teñen que permanecer colgados nunha sala habilitada da nosa adega durante varios meses”. Así o explicou Raúl Prada, cuarta xeración da familia Prada-Gayoso, propietarios de Valdesil.

AVALIACIÓN DE DANOS

Os técnicos do Consello Regulador están “valorando a situación” despois do paso por Valdeorras, do lume máis grande de Galicia. Para un deles, Santiago Pérez, “ata a semana pasada tiñamos uns valores semellantes aos do ano pasado, cando a colleita foi excepcional e batimos récord de kilos de uva recollidos” e calificouse a calidade e a saúde da uva como “excelente”, explicou.

Tras a vaga de incendios que asolaron a comarca de Valdeorras, provocando unha catástrofe sen precedentes no campo, o equipo técnico do Consello Regulador mantense prudente e di que “aínda é cedo”, mentres se analizan os viñedos sobre o terreo, para ver ata que punto vai a afectar o desastre vivido á cantidade de uvas que se poden recolectar.

Ademais, destacou o técnico do Consello Regulador, “é importante sinalar que as viñas foron as heroínas que actuaron como cortalumes naturais en moitas partes, salvando moitas das casas dos pobos nas que están prantadas”. Insistiu en que “levan moitos anos convivindo con nós e protexéndonos, son o noso patrimonio”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta