Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2020 | Actualizada ás 18:17
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao líder do PP, Pablo Casado, a explicar o rexeitamento do Partido Popular á Lei de Eutanasia no Congreso dos Deputados.
Así se pronunciou o dirixente do PSdeG na xornada na que o líder do Partido Popular visita Galicia para participar xunto ao titular do Goberno galego nun acto na Coruña. Ante iso, nun comunicado remitido aos medios e despois de que o xoves se aprobase na Cámara baixa o que cualifica de "dereito fundamental", Gonzalo Caballero censurou que o PP prefira seguir "na caverna con Vox" e non apoiar os avances sociais.
Sobre todo, como sinalou o líder do PSdeG, á vista do "cinismo" do PP, que sempre "se opuxo a todo avance de dereitos aínda que despois ben os utilizou".
"O PP rexeitou o divorcio, o aborto, o matrimonio homosexual, e agora tamén o dereito á morte digna", reprobou Gonzalo Caballero, quen lamentou que o PP de Feijóo e Casado "segue instalado en posicións reaccionarias e obstrucionistas do futuro do país e do avance social".
O secretario xeral do PSdeG visitou o xoves o Congreso xunto á portavoz na materia, María Luisa Carcedo, na xornada na que se aprobou a nova lei.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.