O comercio galego enfronta un retraemento das compras do Nadal por mor da Covid

Hai "desconfianza" entre os consumidores e "por moi ben que vaia a campaña non vai cubrir o resto do ano", segundo a federación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2020 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

O comercio galego espera un retraemento das compras do Nadal por temor á perda de emprego unha vez finalicen os expedientes de regulación de emprego temporais (ERTE), segundo advertiu o presidente da federación, José María Seijas. É a alerta que lanzou Seijas nunha rolda de prensa xunto ao director do Igape, Fernando Guldrís, e o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, que presentaron o balance de axudas da Xunta ao sector a través dos cheques de dixitalización.

Preguntados polos riscos que poden supoñer estas compras de fin de ano ante o avance do coronavirus, o director xeral de Comercio remitiu ás "garantías" de comercio "seguro" mediante a implantación de medidas, que seguirán "reforzando" nos próximos días. Pola súa banda, Seijas reivindicou o cumprimento das normativas sanitarias: "Os comerciantes fixemos os deberes plenamente. Cumprimos e estamos a cumprir as normas sanitarias e ás probas remítome", aseverou.

En calquera caso, apuntou a "outro hándicap de cara ás vendas en nadal", pois detecta "desconfianza dos consumidores" ante unha "boa porcentaxe de traballadores en ERTE, como no resto de sectores". "Non é seguro que cando se acaben os ERTE se manteña o emprego. O consumidor sábeo. Hai desconfianza do que vai vir e iso retrae as vendas do comercio, está a venderse menos", sinalou. Neste sentido, deu por feito que "non vai ser un nadal como os outros" e "vai ser difícil conseguir" bos datos. Ademais, a caída da facturación no que vai de ano "é moi importante" e "por moi ben que vaia a campaña non vai cubrir o resto do ano".

AXUDAS Á DIXITALIZACIÓN

O director do Igape expuxo o balance de cifras de establecementos, pemes e autónomos que recibiron axudas no actual contexto, á vez que valorou o seu "esforzo" para "adaptarse" ao actual panorama. A este respecto, o presidente da federación de comercio chamou a atención sobre que "ninguén dubida" desta "necesidade", cuxos resultados "se aceleraron" coa pandemia.

A modo de exemplo, expuxo que nos "tres meses de restricións de mobilidade concentrouse practicamente o mesmo número de compradores en liña que en 2019". Ademais, segundo os seus datos, o 29,7% dos compradores en liña asegura incrementar a súa actividade de compra, e o gasto medio situouno entre 101 e 500 euros durante este período.

Unha muller espera na entrada dun local comercial durante o estado de alarma provocado pola crise do coronavirus. CARLOS CASTRO - EUROPA PRESS
Unha muller espera na entrada dun local comercial durante o estado de alarma provocado pola crise do coronavirus. CARLOS CASTRO - EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta