Cae á metade o emprego nos hoteis galegos, que rexistran os seus peores datos dende 1999

O grao de ocupación por praza afúndese ao 11% fronte ao 31% de novembro de 2019.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2020 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou un total de 132.713 pernoctacións hoteleiras en novembro, o que supón un 73,4% menos das que houbo no mesmo mes de 2019, segundo os datos que publica este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE). Trátase do peor dato no undécimo mes desde que hai rexistros (1999). 

Un camareiro recolle a terraza do seu establecemento á hora do peche tras as medidas ordenadas pola crise do Covid-19, en Santiago de Compostela. . Álvaro Ballesteros - Europa Press
Un camareiro recolle a terraza do seu establecemento á hora do peche tras as medidas ordenadas pola crise do Covid-19, en Santiago de Compostela. . Álvaro Ballesteros - Europa Press

Esta cifra de pernoctacións na comunidade galega tamén vai á baixa respecto de outubro, pois son a metade das que houbo ese mes (277.319). Todo iso, nun contexto marcado pola pandemia e as restricións de mobilidade. Con todo, o retroceso interanual das pernoctacións hoteleiras é menor no caso galego que na media española (-84,5%).

En Galicia, había en novembro 991 establecementos abertos, 247 menos que un ano antes. O grao de ocupación por praza afúndese ao 11% fronte ao 31% de novembro de 2019. E o emprego cae case á metade, queda con 3.373 traballadores fronte aos 6.270 de 12 meses antes.

No tocante aos viaxeiros, houbo 53.400 en hoteis galegos en novembro, unha quinta parte do mesmo mes de 2019. Son ao redor dun terzo dos que se rexistraron en outubro. Mentres, a tarifa media diaria sitúase en 44,21 euros, entre as máis baixas do país e a case 20 euros da media española (63,94 euros), o que supón un 18% menos que un ano antes.

Os ingresos medios por habitación son de 6,3 euros en Galicia. Os segundos máis baixos do país, onde a media está en 13,70 euros. O esborralle interanual é do 68%.

DATOS ESTATAIS

No Estado, as pernoctacións en establecementos hoteleiros caeron un 84,5% en novembro respecto ao mesmo mes do ano anterior, ata sumar 2,8 millóns, tras as restricións adoptadas polas comunidades autónomas para frear os contagios de Covid, segundo informou este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE).

É o noveno mes consecutivo no que, como consecuencia da crise sanitaria, descenden as pernoctacións nos hoteis españois tras as baixadas do 66,5% de marzo, do 100% en abril, do 99,2% en maio, do 95,1% en xuño, do 73,4% en xullo, do 64,3% en agosto, do 78,4% en setembro e do 83,3% en outubro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Shiomi

Pero en 1999 Galicia, en termos relativos, tiña mellor economía que agora. Isto demostra que o turismo non soluciona nada. Se se abandonan os outros sectores cada vez dependemos máis de cousas con pés de barro. Agora non temos nin bancos propios cando en 1999 había 5.