Detido por contratar na "deep web" a varios sicarios para matar a súa ex parella

O caso parte da denuncia dun medio de comunicación británico que realizaba unha reportaxe en España sobre estafas 'en liña'.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 24/12/2020 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

A Garda Civil detivo a un veciño de Pontevedra que contrataría a varios sicarios para matar a súa ex parella. A investigación iniciouse por mor da denuncia dun medio de comunicación británico que tivo coñecemento diso durante a elaboración dunha reportaxe sobre estafas por Internet.

Segundo informa a Benemérita, as pescudas deste caso foron realizadas pola Unidade Orgánica de Policía Xudicial (UOPJ) da Comandancia de Pontevedra en colaboración o Grupo de Delitos Telemáticos da Unidade Técnica de Policía Xudicial de Madrid.

Todo comezou cando, o pasado mes de novembro, un medio de comunicación do Reino Unido realizaba en España unha reportaxe sobre estafas a través das "redes profundas" de Internet, coñecidas polo nome de 'deep web' --máis difícil de acceder e frecuentemente relacionada con actividades ilícitas--. Dito medio denunciou que tiña información sensible relacionada coa provincia de Pontevedra.

Tras esta alerta, os axentes comprobaron como un usuario anónimo adiantaba 15.000 euros en 'bitcoins' a un grupo de presuntos sicarios e facilitáballes os datos persoais dunha muller: domicilio, lugar de traballo, matrícula do coche, rutinas diarias e unha fotografía. O obxectivo era que acabasen coa súa vida simulando un accidente.

OPERACIÓN 'HITMAN GALEGO'

As investigacións realizadas no marco da denominada operación 'Hitman Galego' non só permitiron constatar a identidade da vítima potencial, senón tamén localizar á persoa que contratara os servizos dos sicarios, que resultou ser a súa ex parella, un veciño desta provincia co que tivera unha relación sentimental fai uns catro anos.

Esta circunstancia pode ser determinante para que os feitos investigados se enmarquen tamén no ámbito delituoso da violencia de xénero, engade a Garda Civil.

Ademais, a Benemérita destaca que este grupo de presuntos sicarios levan a cabo principalmente estafas, xa que en ningún momento pensaban concluír co encargo realizado, senón soamente cobrar por el.

Nota De Prensa. GARDA CIVIL
Nota De Prensa. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Vexo que os Británicos saben moito destas operacións (?) o carallo é que non investigan as súas redes, non, investigan as nosas... Curioso xeito de traballar as noticias, cando aínda non temos NOTICIA algunha dos avogados do caso Prestige agochados na City of London e que inda non pagaron un peso... ESO SÍ É UNHA VERDADEIRA ESTAFA BRITÁNICA !!!