Quen axuda máis aos autónomos galegos: o Goberno central ou a Xunta?

Un informe destaca que son maioritarias as axudas que reciben do goberno de Madrid.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/12/2020 | Actualizada ás 20:04

Comparte esta noticia

O 82% das axudas concedidas a traballadores autónomos galegos en 2020 correspóndese coas de cesamento de actividade lanzadas polo Goberno central, mentres que o 18% restante está promovido por parte da Xunta, segundo sinala un estudo realizado pola Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (Agtamar).

Este é o resultado dunha sondaxe realizada durante o mes de decembro por esta entidade, que apunta a que os autónomos galegos que recibiron algún tipo de subvención durante a crise do coronavirus son o 58% do total.

Ademais, o mesmo estudo reflicte que o 45% dos sondados recoñece que a súa facturación descendeu en máis da metade en comparación ao 2019, mentres que o 88% recoñece que a súa facturación media foi inferior a 20.000 euros.

A pesar das perdas, o 55% dos autónomos galegos afirma utilizar as redes como canles de comercialización, mentres que en 2019 a proporción era tan só do 24%. Neste sentido, Agtamar apunta a que este é "un dos aspectos positivos" que deixa no sector o 2020: "A alta adaptación do TIC nas actividades económicas".

Finalmente, o estudo recolle que o 59% dos enquisados cre que o ano 2021 será "mellor" que o que está a piques de concluír. Desta análise realizada a raíz da sondaxe, Agtamar constata nun comunicado que, a pesar das "dificultades" que atravesa o traballo autónomo, o colectivo "ten unha capacidade de adaptación superior á das medianas e grandes empresas", polo que "agora" é o momento "de realizar cambios que fortalezan o traballo por conta propia".

O secretario de Agtamar, Jesús Diéguez, explica que "os eixos do cambio son claros": "Formación, dixitalización, dimensión empresarial, especialización, planificación, innovación, sustentabilidade e activación do medio rural".

Traballador autónomo
Traballador autónomo | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta