Así “viola a lei” a Xunta para apoiar o lobby da caza, segundo grupos ecoloxistas

Acusan ao goberno galego de "falta de transparencia" e de impedir a libre participación dos movementos ecoloxistas nos comités que regulan as batidas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2020 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

O ecoloxismo galego lanza un novo golpe contra a xestión da Xunta de Galicia. Logo de semanas de mobilizacións en protesta polo espallamento dos parques eólicos, un grupo de plataformas verdes veñen de mobilizarse contra as estratexias do goberno autonómico no tocante á Caza. Neste respecto, Ecoloxistas en Acción, Petón do Lobo e Cova Crea veñen de denunciar que a Xunta de Galicia “viola a lei” nas autorizacións outorgadas a campionatos e batidas.

Cazador
Cazador | Fonte: © Miguel Núñez

As críticas das asociacións oriéntanse, por un lado, ás composicións do Comité galego de caza. As plataformas explican, neste aspecto, que a práctica cinexética conta con plans aprobados polas autoridades autonómicas tralo debate do Comité, no que se ten en conta, por exemplo, o alcance ambiental das prácticas autorizadas. A problemática é que, segundo as asociacións asinantes, a Xunta “omite a participación pública” neste comité en favor do “lobby da caza”.

Este suposto incumprimento viría dado porque, de acordo cos denunciantes, a autoridade autonómica “designa ‘a dedo’” a representación das entidades naturalistas e ecoloxistas, “no canto de deixar que estas elixan as súas representacións como indica a lei”. “O medio rural”, explican, queda así “en mans do sector cinexético que só representa ao 1% da poboación e que enche o monte de especies cinexéticas comerciais que desequilibran os ecosistemas e a biodiversidade”. 

“FALLA DE TRANSPARENCIA”

O obxectivo de Ecoloxistas en Acción, Petón do Lobo e Cova Crea pasa por que a Xunta dea marcha atrás nesta práctica e permita ás asociacións verdes escoller os representantes que coiden máis apropiados. Por outro lado, as plataformas asinantes cargan tamén contra a “reiterada falla de transparencia” que, ao ser ver, anega a política da caza en Galicia. Segundo subliñan, unha ampla cantidade de documentación que debería ser pública é, a día de hoxe, “moi difícil de conseguir”. Entre estes documentos atoparíanse as actas dos distintos comités, os calendarios dos campionatos de caza ou os resultados das propias batidas.

Sinalan ademáis que hai plans de xestión que “non están actualizados” e outros, como os do xabarín que, malia ter sido elaborados, “non se chegaron a publicar no boletín oficial correspondente”. Así é que, de acordo coas mesmas fontes, “existe un descoñecemento xeneralizado tanto dos censos de especies cinexéticas como da xestión planficada desde a Consellería para cada unha delas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta