Regreso a un futuro inocente

A inocencia volverá. Está nos ollos e nos sorrisos dos nenos, e nas súas preciosas voces.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 01/01/2021

Comparte esta noticia

A voz dos pequenos Drew Barrymore e Henry Thomas cando falan co extraterrestre perdido, as aventuras de Michael J. Fox cando encontra aos seus pais adolescentes nunha viaxe ó pasado, a inocencia sensual da fermosura xuvenil na película do Capitán Fracasse de Scola, ou a inocencia recuperada dos quen saben como é a vida de James Stewart e Donna Reed en “Que belo é vivir” de Frank Capra son exemplos do que ten que volver.

Unha persoa utiliza o seu mando da televisión para buscar canles. Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo
Unha persoa utiliza o seu mando da televisión para buscar canles. Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo

A televisión non axuda. Ver nun programa especial de Noiteboa á suposta crema do humorismo español contando historias desalmadas, ou comprobar como se desliza o humor galego actual cara á vulgaridade non axuda.

O cinismo derrotista – “nihil novum sub sole” – é unha falsidade. A pandemia que paraliza ó mundo enteiro é un exemplo dos vaivéns da Fortuna que non se poden saber con antelación.

No deseño dos automóbiles, por dar un exemplo, pénsase cada ano que non é posible avanzar máis, e cada ano demostra que non é así. Encóntranse novas curvas e novos ángulos, novos rostros con ollos de faros. Para o interior, invéntanse novidades de comodidade e adiantos tan impresionantes como o sistema GPS.

O deseño das casas seguramente verá moitos cambios positivos nun futuro próximo, facendo que as vivendas sexan máis ecolóxicas e intelixentes. Haberá moitos cambios que promoven a ilusión.

Así e todo, fagamos sempre un xiro inmediato cara as zonas menos favorecidas do planeta. “Un mundo (non tres)”, cantaba Sting con The Police en 1981. Somos todos irmáns. Aquelas persoas que detestan os fluxos migratorios que non creen no karma poden chamar xustiza poética ao feito de que sexa unha parella procedente de inmigrantes turcos a Alemaña, Ugur Sahin e a súa esposa Ozlem Türeci, os que descubriron a vacina contra a peste que nos asola.

Axuda aproximarse a unha xoia como “Ederlezi” de Goran Bregovic, e ver en múltiples idiomas - dentro do foro de discusión dun vídeo con imaxes dunha película de Emir Kusturica que pon fondo á canción - como queda conmovida ate as lágrimas xente de todo o planeta.

Axuda saber que nestes días volveron a ter certo predicamento as tarxetas de correos. É consciente a xente nova do bonitas que eran as postais de Nadal nos anos 70? Tiñan a beleza da inocencia. Que pasará? Volverán as valiosas cartas persoais? En Cataluña, a xente – saturada de series - está volvendo con sabedoría aos libros e ás librerías.

Aínda que produce moito temor e dúbidas, vai ser necesario pensar sobre o futuro e sobre as consecuencias do que facemos agora. Vai ser preciso aforrar enerxías, coidados, impulsos e amor para intentar que o noso mundo sexa viable, de maneira que cesen as perdas e volvan – se pode ser canto antes – os sorrisos, as miradas alegres e esperanzadas, e os sons da inocencia nas falas e nos cantos dos seres humanos que afrontamos xuntos o destino.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. A súa última novela é Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018)".