A UE negocia a compra de máis doses da vacina de Pfizer e BioNTech

Aumentan as críticas polo atraso e a falta de distribución das vacinas.

Por Europa Press / Redacción | Bruxelas | 04/01/2021 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

A Comisión Europea sinalou este luns que negocia con Pfizer e BioNTech para adquirir máis doses da súa vacina contra a COVID-19, tras anunciar a semana pasada que faría efectiva a opción de compra de 100 millóns de doses adicionais contemplada no primeiro contrato de compra.

Primeira vacinada na área de Pontevedra
Primeira vacinada na área de Pontevedra | Fonte: Xunta.

"Polo momento estamos ocupados barallando as doses que se necesitan e como distribuílas no marco desta opción. Está a negociarse isto e tamén falamos co laboratorio para aumentar o número de doses máis aló das pactadas no acordo", asegurou o portavoz de Saúde do Executivo comunitario, Stefan de Keersmaecker.

Nun momento no que as críticas se suceden nos países da Unión polo atraso e a falta de distribución das vacinas, Bruxelas insistiu en que non se trata dun problema co número de vacinas, xa que os contratos asinados cubrirán á poboación europea, senón co ritmo de produción.

Por iso, a Comisión lembrou que está en contacto coas compañías farmacéuticas para atopar maneiras de mellorar a súa capacidade de produción. "Desde o principio, a Comisión investiu en distintas compañías para axudarlles a acelerar o desenvolvemento da vacina e a súa fabricación", sinalou o portavoz principal, Eric Mamer, na mesma rolda de prensa.

Con respecto a ritmo de vacinación tan dispar nos distintos estados membros, De Keersmaecker limitouse a lembrar que Bruxelas emitiu xa no mes de outubro unha recomendación sobre a campaña de vacinación e pediu aos países que identificasen os grupos prioritarios e que preparasen as instalacións para aloxar as doses.

De todos os xeitos, o portavoz de Saúde sinalou que a campaña é un proceso "extremadamente complexo", e por iso o Executivo comunitario mantén o contacto con todos os estados membros para que o proceso vaia "o mellor posible".

Desde Bruxelas insisten en que a campaña acaba de comezar e prolongarase durante meses, polo que foxen de facer balances que consideran prematuros. Así, Eric Mamer reiterou que no outono se proxectou que o groso das doses estarían dispoñibles en abril. "Sempre estivo claro que desenvolvemos unha estratexia que pasa por ter un abano de varias vacinas, baseadas na autorización da Axencia do Medicamento e que estarán progresivamente no mercado", sinalou.

Estas declaracións chegan despois de saberse que a Axencia Europea do Medicamento pediu a AstraZeneca novos datos sobre a "calidade, seguridade e eficacia" da súa vacina para poder autorizala na Unión Europea, o que atrasará o seu uso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta